Pugna entre Macron e Mélenchon na primeira volta das lexislativas francesas

As enquisas abren a porta a unha vitoria progresista nas urnas.
O presidente francés e candidato do partido liberal Le République en Marche á reelección, Emmanuel Macron. (Foto: Ludovic Marin/AFP/dpa).
photo_camera O presidente francés e candidato do partido liberal Le République en Marche á reelección, Emmanuel Macron. (Foto: Ludovic Marin/AFP/dpa).

Francia dá comezo mañá a unha semana electoral na que case 49 millóns de votantes determinarán como se repartirán os 577 asentos da Asemblea Nacional durante os vindeiros cinco anos, en paralelo ao período presidencial de Emmanuel Macron, reelixido para un segundo mandato a finais de abril.

Non obstante, a pesar de que as sondaxes efectuadas despois deses comicios daban unha cómoda maioría absoluta para Macron, as enquisas desenvoltas durante a campaña dificultan cada vez máis ese escenario, ao tempo que auguran posibilidades reais de triunfo para Jean-Luc Mélenchon e a súa aposta por unha coalición coa maioría de forzas progresistas.

O traballo demoscópico máis recente correu a cargo de Ifop-Fiducial, que revelou esta sexta feita un empate técnico en intención de voto entre a Nova Unión Popular Ecolóxica e Social (NUPES) de Mélenchon (26,5%) e Xuntos (26%), a alianza do presidente.

Trasladado a escanos, a enquisa estima que NUPES obterá entre 180 e 210 mentres que Xuntos alcanzará de 270 a 305, cando a maioría absoluta está marcada en 289. Pola súa parte, a agrupación conservadora liderada polos Republicanos faríase con entre 40 e 55 asentos, na extrema dereita, o Reagrupamento Nacional de Marine Le Pen ficaría con 15-35, e Reconquista de Éric Zemmour con 0-2.

Nacións sen Estado

Ademais, o resto de candidaturas gañaría de 8 a 14 asentos. Entre elas, están as das forzas das nacións sen Estado. En Iparralde, o Partido Nacionalista Vasco non presenta candidatura por primeira vez en dúas décadas, si participa a coalición EH Bai (Abertzaleen Batasuna, Sortu e Eusko Alkartasuna). Ao tempo, na Catalunya Nord, Agissons e Oui au Pays Catalan uníronse baixo o paraugas de El País Català ets tu!, con candidatura nos catro distritos.

En Córsega, os nacionalistas tratarán de manter os tres escanos das anteriores eleccións, mais nesta ocasión irán por separado. No caso de Bretaña, hai en liza candidaturas da Unión Democrática Bretoa e o Partido Bretón. O sistema de elección de lexisladores xera unha gran variabilidade no repartimento de escanos. Na primeira volta do domingo só serán escollidas as persoas que obteñan a maioría absoluta de votos válidos, que representen polo menos 25% dos votantes rexistrados no distrito electoral. Cada un deles elixe só un lexislador.

Se non hai candidatos con ese nivel de votos, pasan a unha segunda volta que decorrerá no domingo da semana que vén, 19 de xuño, na que se enfrontarán todas as candidaturas que reciban como mínimo 12,5% de apoio.

Diante dun panorama político aínda aberto, Mélenchon procura rascar todos os votos posíbeis dunha abstención que pode ser histórica, apuntan medios locais, reiterando o obxectivo que xa enunciara antes da segunda volta das eleccións presidenciais, converterse en primeiro ministro e no contrapeso ás políticas aplicadas por Macron.

Con todo, isto tamén consolidaría a NUPES como a principal vía, a corto e medio prazo cando menos, da esquerda francesa para alcanzar o Pazo do Elisio, tras o histórico pacto que integrou a Francia Insubmisa, os Verdes, o Partido Comunista e o Partido Socialista.

Que precisa a esquerda para pór o primeiro ministro?

A Constitución francesa determina que é o presidente o que propón o primeiro ministro. Así e todo, este nomeamento debe ser ratificado pola Asamblea Nacional, polo que no caso de obter a maioría absoluta a coalición NUPES podería forzar co seu voto a elección de Mélenchon, unxido no acordo progresista como o seu candidato. Tamén cunha maioría simple poderían conseguilo, mais Macron tería máis ferramentas para frealo.

Comentarios