PSOE e Unidas Podemos rexeitan publicar o historial do torturador franquista Billy ‘El Niño’

Congreso dos Deputados [Imaxe cedida]
photo_camera Congreso dos Deputados [Imaxe cedida]

Unidas Podemos sumouse a PSOE, PP, Ciudadanos e VOX para impedir na Xunta de Portavoces do Congreso que se reconsiderase a decisión de facr pública a folla de servizos de González Pacheco, Billy ‘El Niño’, torturador franquista. A solicitude fora presentada polo deputado de EH Bildu, Jon Iñarritu, que a través das redes sociais mostrou a súa decepción co posicionamento de Unidas Podemos: “Outro sapo [que tragar] máis!”.

O portavoz de UP no Congreso, Pablo Echenique, argumentou o voto da súa formación en que que había “dúbidas xurídicas” sobre a solicitude de EH Bildu. Porén, engadía, “estudamos o tema polo miúdo e reparamos no erro. Cando volva a solicitude á Mesa votaremos a favor”.

Billy el Niño chegou a ser condenado aínda durante o franquismo por malos tratos ao xornalista Paco Lobatón. Foi en 1974. O ex deputado socialista navarro José Luis Uriz vinculouno co asasinato en 1969 do estudante Enrique Ruano.

En 2013, a xuíza arxentina María Servini ditou orde de busca e captura internacional contra González Pacheco. Acusábao dun delito de torturas contra 13 persoas entre 1971 e 1975. Un ano despois, a Audiencia Nacional española rexeitaba a súa extradición porque, argumentaba o tribunal herdeiro do Tribunal de Orde Pública franquista, eses delitos estaban “ampliamente prescritos”.

Comentarios