O PSOE só ofrecía dúas viceconsellarías a Podemos, que deixa caer a candidata socialista na Rioxa

No que podería ser o preludio do que poda vir a acontecer na investidura de Sánchez, Podemos non deu o seu apoio a Concepción Andreu para esta se tornar esta quinta feira na presidenta da Rioxa. A alternativa aos 24 anos consecutivos de goberno PP terá que esperar.

Captura de pantalla (70)
photo_camera Momento en que Raquel Moreno expresa de viva voz o seu voto

A deputada de Podemos Raquel Romero non achou suficientes razóns de peso para outorgar o seu voto, decisivo, na segunda e definitiva votación desta primeira sesión de investidura de Concepción Andreu. A formación morada uniu o seu voto, negativo, aos de PP e Cs. Agora bota o reloxo a correr. Se a candidata socialista non reúne apoios suficientes antes do próximo 16 de setembro, haberá nova convocatoria electoral.

A última oferta do PSOE á formación morada —dúas viceconsellarías, a de Igualdade e Reto Demográfico, e a dirección xeral de Vivenda— ficou moi aquén das apetencias de Romero, quen esta cuarta feira declarara que a formación socialista só quería os morados para lles levaren as maletas.

O solitario voto de Podemos tiña moito valor porque desempataba o taboleiro de marcas na asemblea rexional que de inicio era 16 votos a favor de Andreu (15 do PSOE, 1 de IU) e 16 en contra (12 do PP e 4 de Cs). O resultado final foi 17-16 en contra da socialista.

O episodio levou por diante o grupo parlamentar de Unidas Podemos, unha vez que a deputada de IU Henar Moreno —que esta quinta feira se empregou con dureza contra Romero—decidiu dar o seu respaldo a Andreu.

Comentarios