“Levaría España a un día a día imposíbel”, asegurou esta cuarta feira Carmen Calvo, vicepresidenta en funcións do Goberno do Estado e persoa do círculo máis achegado a Pedro Sánchez. O propio Partido Socialista emitiu a terza feira un comunicado en que cualificaba de “inviábel” a iniciativa de Podemos.
A organización liderada por Iglesias insiste en retomar as conversas no punto en que racharon o pasado mes de xullo. Ademais dun amplo documento con medidas a adoptar por un hipotético Executivo resultado dun pacto, inclúe un reparto de áreas e ministerios, en que Podemos asumiría unha vicepresidencia e tres ministerios. Ofrece aos socialistas catro escenarios distintos.
“Agradecemos a proposta que, no programático, resúltanos moi próxima”, respondeu o PSOE no mencionado comunicado, que asegura que “moitas das medidas xa formaron parte do discurso de investidura do candidato socialista á Presidencia do Goberno [...] En materia de contidos, se algo demostra o documento é a proximidade existente en moitas políticas sociais”. Mais, a partir dese primeiro punto, o partido arremete contra os propósitos de Podemos.
A nota refírese á investidura falida de xullo e sitúa en tres asuntos as dificultades para conformar un goberno conxunto. O primeiro, “a diferente concepción da estrutura de goberno”. O PSOE asegura querer evitar “a existencia real de dous gobernos dentro do mesmo consello de ministros”. O segundo, “as importantes diferenzas en custións de Estado”, entre as que mencionan o conflito catalán. E terceiro, a “desconfianza” despois da última votación parlamentaria.
O PSOE insta así a Podemos a “explorar outras fórmulas de gobernabilidade unha vez que se evidenciou inviábel a fórmula de coalición”. A formación de goberno no Estado segue, polo momento, no aire, tres meses despois das eleccións.