O PSOE sae en tromba contra un goberno de coalición con Podemos

As 119 páxinas de propostas que Podemos remitiu onte ao Partido Socialista coa intención de reanudar as negociacións para formar un goberno de coalición no Estado non parece que tivesen moito efecto. Esta cuarta feira dirixentes destacados do PSOE saíron en trombra para negar a posibilidade de compartir executivo coa formación de Pablo Iglesias.
Foto-CEF-portada-582x322
photo_camera Imaxe do comité executivo federal do PSOE. Foto: PSOE.

“Levaría España a un día a día imposíbel”, asegurou esta cuarta feira Carmen Calvo, vicepresidenta en funcións do Goberno do Estado e persoa do círculo máis achegado a Pedro Sánchez. O propio Partido Socialista emitiu a terza feira un comunicado en que cualificaba de “inviábel” a iniciativa de Podemos.

A organización liderada por Iglesias insiste en retomar as conversas no punto en que racharon o pasado mes de xullo. Ademais dun amplo documento con medidas a adoptar por un hipotético Executivo resultado dun pacto, inclúe un reparto de áreas e ministerios, en que Podemos asumiría unha vicepresidencia e tres ministerios. Ofrece aos socialistas catro escenarios distintos.

“Agradecemos a proposta que, no programático, resúltanos moi próxima”, respondeu o PSOE no mencionado comunicado, que asegura que “moitas das medidas xa formaron parte do discurso de investidura do candidato socialista á Presidencia do Goberno [...] En materia de contidos, se algo demostra o documento é a proximidade existente en moitas políticas sociais”. Mais, a partir dese primeiro punto, o partido arremete contra os propósitos de Podemos.

A nota refírese á investidura falida de xullo e sitúa en tres asuntos as dificultades para conformar un goberno conxunto. O primeiro, “a diferente concepción da estrutura de goberno”. O PSOE asegura querer evitar “a existencia real de dous gobernos dentro do mesmo consello de ministros”. O segundo, “as importantes diferenzas en custións de Estado”, entre as que mencionan o conflito catalán. E terceiro, a “desconfianza” despois da última votación parlamentaria.

O PSOE insta así a Podemos a “explorar outras fórmulas de gobernabilidade unha vez que se evidenciou inviábel a fórmula de coalición”. A formación de goberno no Estado segue, polo momento, no aire, tres meses despois das eleccións.

Comentarios