Cs anuncia o seu voto contrario

Sánchez proclama que procurará apoios entre "os 350 deputados", incluídos os soberanistas

A operación é aritmeticamente viábel. O PSOE rexistou a censura antes de Sánchez reunir a súa Executiva. A decisión estaba xa tomada onte á noite. Nunha comparecencia perante a imprensa, Sánchez anunciou que se propón formar un goberno monocor do PSOE que nun prazo indeterminado -mais non de forma inmediata- convocaría eleccións. Dixo que se dirixe aos 350 deputados, sen por tanto excluír os independentistas. Como consecuencia lóxica, Cs xa anunciou o seu voto en contra.

Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez, nun debate parlamentar

A moción de censura contra Raxoi após o estalido da sentenza condenatoria da Gürtel xa está aquí. Rexistouna o PSOE por volta das 10.50 horas. Fíxoo o grupo parlamentar mesmo antes de Pedro Sánchez reunir a súa executiva federal. Esta quinta feira, dirixentes próximos a Sánchez dixeron a Público.es que a decisión de formular unha alternativa a Raxoi estaba tomada "ao 100 por 100".

O verdadeiramente relevante é que a moción de censura é viábel do ponto de vista aritmético, desde o momento en que Unidos Podemos, PDeCat e ERC anunciaron xa o seu apoio. Ao ser construtiva, este mecanismo existe a apresentación dun candidato alternativo. Sería Pedro Sánchez. Sería presidente se obtén maioría absoluta, isto é, no mínimo 176 votos. Para ese cenario se materializar precisaría os votos soberanistas (cando menos os de PNV, PDeCat, ERC) para ver franqueadas as portas da Moncloa. 

Sánchez non vai negociar o apoio das forzas independentistas, mais, afirman fontes próximas á dirección, "tampouco podemos impedir que nos voten a favor". Ferraz considera, alén de máis, que no Congreso están representados os sectores do soberanismo catalán -o PDeCat e ERC- máis proclives a ir a unha distensión co Estado (face a estratexia máis rupturista de Puigdemont).

O factor Ciudadanos

Ciudadanos é un factor relevante, mais non decisorio a efeitos de a moción prosperar ou non. Os seus votos (32) son prescindíbeis aritmeticamente. Contodo, Sánchez gostaría de ter o seu apoio, para non depender das forzas soberanistas. O partido laranxa está nunha situación politicamente incómoda, porque neste debate se vai patentizar que aínda non é clave no Congreso. Poucos minutos após o rexisto da moción, un portavoz do partido de Rivera, José Manuel Villegas, anunciou que apoiarán Sánchez sempre e cando este se comprometa a convocar eleccións antecipadas. O contido da conferencia de imprensa de Sánchez -o secretario xeral do PSOE deixou entrever que non rexeitaría o apoio das forzas independentistas- bastou para Cs alterar rapidamente a súa posición e, destarte, anunciar o seu voto contrario á Cs.

Os argumentos de Sánchez

O líder do PSOE foi interpelado directamente pola imprensa sobre se está disposto a formar un goberno votado polos independentistas. Contestou que a presidenta da Cámara, Ana Pastor, foi eleita após un acordo do PP "con forzas independentistas " [un pacto para constituír a Mesa da cámara] e que os orzamentos do Estado foron pactados por Rajoy con "nacionalistas" (PNV).

A moción non será instrumental, isto é, non se fai para a seguir antecipar as eleccións, esclareceu Sánchez. Mais tamén deixou caír que non sería un goberno para esgotar a lexislatura. Fican 2 anos por diante e portanto abriríase a hipótese dun avanzo dos comicios que os fixese coincidir coas locais e as europeas de maio.

O PNV, decisivo

Nesta conxuntura, os 5 votos do PNV -que esta quinta feira foron clave para a aprobación dos orzamentos de Rajoy- voltan a ser decisivos. Son imprescindíbeis para conformar a maioría absoluta. A formación de Urkullu xa anunciou a súa disponibilidade a negociar con Sánchez.

Mariano Raxoi

O presidente do Goberno, Mariano Raxoi, cualificou de "má" a moción de censura, nunha comparecencia perante os meios ao fío das 14 horas. Razoou que a iniciativa do grupo parlamentar do PSOE responde só aos intereses de Sánchez e que sería "inviábel" o goberno que poida saír dela.

Corrección: na redacción orixinal desta peza se afirmaba que a moción podía prosperar en segunda volta con maioría simples de votos. Non é certo. É preciso ter a maioría absoluta da cámara, no mínimo 176 votos.

Comentarios