O PSOE rectifica o acordo con EH Bildu e di agora que non derrogará íntegra a reforma laboral de 2012

O acordo entre socialistas, Unidas Podemos e a esquerda abertzale contemplaba finiquitar a reforma aprobada polo PP a cambio da abstención das 5 parlamentares independentistas na votación para prorrogar o estado de alarma. Mertxe Aizpurua (EH Bildu) quitou ferro na mañá desta quinta feira á rectificación do PSOE e considera que o acordo "continúa vixente"

Adriana Lastra (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Adriana Lastra (Europa Press)

Nun escenario político e mediático tan inflamábel como o español os movementos do PSOE nas últimas horas supoñen gasolina e chisqueiro. Os socialistas quixeron garantirse que os 5 representantes de EH Bildu no Congreso non porían en perigo a prórroga do estado de alarma, de aí que subscribisen canda Unidas Podemos un acordo coa formación abertzale na cal se comprometían, textualmente, a derrogar integramente a reforma laboral aprobada polo PP en 2012. Unha derrogación que se tiña que facer efectiva “antes da finalización das medidas extraordinarias adoptadas polo Goberno en materia económica e laboral derivadas da crise da COVID-19”.

Un acordo que se coñeceu a última hora da tarde de onte e que sorprendía a propios e alleos, tanto polo contido do acordo como polos asinantes.

Porén, apenas unhas horas despois, pouco antes da media noite, o PSOE publicaba unha “nota aclaratoria” para dicir agora que esa derrogación non terá un carácter integral, como recolle por escrito o pacto, e que se limitará aos seus aspectos máis lesivos.

No comunicado, o PSOE precisa que abolirá a posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas por enfermidade, así como a prioridade de aplicación dos convenios de empresa sobre os convenios sectoriais.

O PSOE emprega unha formulación tomada do pacto de goberno de decembro entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. Así, a derrogación completa pasa ser a "recuperación dos dereitos laborais retirados pola Reforma Laboral de 2012".

O resto mantense

Segundo o comunicado do PSOE, mantense o resto do acordo asinado pola portavoz do partido, Adriana Lastra; de Unidas Podemos, Pablo Echenique e de EH-Bildu, Mertxe Aizpurua.

En concreto, permitirá ás entidades locais, forais e autonómicas ter "unha maior capacidade para gastar en políticas públicas dirixidas a mitigar os efectos sociais da crise".

Tamén se comprometen a que os gastos en políticas sociais das entidades locais sexan exceptuados do cómputo da regra de gasto e que a capacidade de endebedamento de Euskadi e Nafarroa se estableza exclusivamente en función das súas situacións financeiras.

O acordo xerou fortes críticas e acusacións desde PP e VOX. A patronal española cualificou o acordo de "irresponsabilidade maiúscula" e afirma que "dinamita o diálogo social". A prensa madrileña afirma que o acordo non era coñecido nin pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nin a de Economía e vicepresidenta Natalia Calviño.

Eh Bildu tira ferro á rectificación

A portavoz de Eh Bildu no Congreso, Mertxe Aizpurua, quitou ferro na mañá desta quinta feira á rectificación do PSOE e fala de "matización terminolóxica" e considera que o acordo "continúa vixente". 

Tamén falou esta mañá Pablo Iglesias, que nunha entrevista en Catalunya Radio afirmou: "Pacta sunt servanda" (Os pactos obrigan, os pactos cúmprense) e indicou que xa no acordo de Goberno entre PSOE e UP contemplaba a derrogación "íntegra" da reforma laboral de 2012. 

Comentarios