PSOE, PP e Vox impiden de novo investigar Juan Carlos I

A Mesa do Congreso vota maioritariamente por terceira vez en marzo en contra de investigar na Cámara Baixa a Juan Carlos I. 
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Imaxe: Europa Press)

Por terceira vez neste mes de marzo o PSOE, PP e Vox volveron tombar unha petición para crear unha comisión de investigación no Congreso español sobre as presuntas irregularidades do rei emérito Juan Carlos I de Borbón e as súas contas en Suíza. A iniciativa rexeitada foi promovida polo BNG, ERC, PNV, EH Bildu, Junts, CUP e Compromís.

O órgano de Goberno do Congreso, que preside Meritxell Batet, reuniuse na terza feira, 31 de marzo, de forma telemática para analizar e cualificar, en cada caso, as iniciativas presentadas polos grupos parlamentarios nos últimos días.

Unidas Podemos, pola súa banda, votou a favor do debate desta petición, segundo informaron a Europa Press fontes parlamentarias. O propio grupo de Podemos tamén rexistrou a comezos de mes unha solicitude para investigar Juan Carlos I.

Previamente, e no mesmo mes de marzo, as soberanistas xa formularan a solicitude, após coñecerse que o rei emérito estaba a ser investigado pola fiscalía suíza por un posíbel delito de branqueamento de capitais.

A nova proposta, que vén de ser rexeitada, presentouse despois de que o actual rei español, Felipe VI, anunciara en pleno inicio da crise sanitaria a súa intención de renunciar á herdanza paterna e comunicou que pedira ante notario non ser beneficiario das contas dunha fundación na que o seu pai tería depositado fondos cobrados de comisións irregulares.

Néganse a investigar

De novo, PSOE, PP e Vox apoiáronse nos informes do equipo de letrados do Congreso para rexeitar a solicitude de investigar o rei emérito.

Os letrados alegan que non procede a súa admisión a trámite afirmando que a “Cámara Baixa non pode controlar o rei” por mor da súa inviolabilidade no exercicio do seu cargo. Porén, as forzas soberanistas indican que os delitos se cometeron logo de Juan Carlos I abdicar e que, seguramente, se estean a producir na actualidade.

Comentarios