PSOE e PP fechan a porta a poder limitar a inviolabilidade de Felipe VI

Ou a monarquía cambia ou "non vai ter ningún futuro", di o PNV
Meritxell Batet presidindo a reunión da Mesa do Congreso (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Meritxell Batet presidindo a reunión da Mesa do Congreso (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

A Mesa do Congreso resolveu esta terza feira rexeitar a tramitación dunha Proposición de lei presentada polo Partido Nacionalista Vasco (PNV) para limitar a inviolabilidade legal da que goza o rei español, Felipe VI.

A proposta incluiría un novo punto ao artigo 55 bis da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que habilitaría o Tribunal Supremo para investigar as accións do monarca que non contasen coa aprobación do Lexislativo e que non tivesen vencello coa súa xestión como xefe de Estado. Isto permitiría investigar actos privados como os seus negocios particulares.

Desde o PNV expúxose que a norma permitiría evitar casos como o freo constante -arredor dunha decena de veces nesta lexislatura- da Mesa do Congreso ás iniciativas para abrir unha comisión de investigación sobre as actividades do rei emérito, Juan Carlos I, que contaron co apoio da formación soberanista, así como de Esquerra Republicana de Catalunya, Bloque Nacionalista Galego, Junts, Partit Demòcrata Europeu Català, EH Bildu, Candidatura d’Unitat Popular, Más País e Compromís.

Do mesmo modo que nesta ocasión, os votos do Partido Popular e o PSOE foron determinantes para que a Mesa do Congreso non aceptara tramitar a proposta. Malia que Vox apoia esta posición, na sesión de onte non asistiron á xuntanza do órgano, mentres que Unidas Podemos optou por defender a tramitación.

A xustificación principal esgrimida polas forzas que vetaron o debate do texto foi que os servizos xurídicos do Congreso rexeitaron na segunda feira a proposta, defendendo que supón “un desenvolvemento normativo contrario ao réxime xurídico da inviolabilidade da Xefatura do Estado” incluído na Constitución, polo que, sosteñen, ao tratarse dun dos “elementos esenciais da Coroa”, é preciso unha reforma constitucional para modificar ese apartado.

Este informe das e dos letrados non ten carácter vinculante, polo que incluso cando apoiaron investigar o emérito, PSOE, PP e Vox foron quen de vetalo na Mesa do Congreso.

Monarquía "sen futuro"

O voceiro do PNV no Congreso, Aitor Esteban, destacou unha vez rexeitada a proposición que o PSOE “non se fai ningún favor” con esta decisión, apuntando que a monarquía “non vai ter ningún futuro” se continúa “anquilosada”.

Ao tempo, considera que remitir a un cambio constitucional para mudar eses preceptos profunda na “inmobilidade”, polo “complicado” desa clase de procesos.

Comentarios