'Cordón sanitario'

O Congreso debaterá un hipotético 'cordón sanitario' a Vox que obrigará o PP de Feixoo a explicitar se pactará con Abascal

O grupo socialista rexistra unha iniciativa na Cámara para que as distintas formacións expliciten o seu rexeitamento a pactar coa extrema dereita e apoien un 'cordón sanitario' seguindo o exemplo de países como Francia ou Alemaña.
Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, no último encontro que mantiveron en Moncloa o pasado ano como presidentes da Xunta e do Goberno estatal, respectivamente. (Foto: M. Fernández / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, no último encontro que mantiveron en Moncloa o pasado ano como presidentes da Xunta e do Goberno estatal, respectivamente. (Foto: M. Fernández / Europa Press)

O PSOE vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso co obxectivo de que o pleno da Cámara feche a porta a calquera pacto con Vox e de que todos os partidos, e en especial o PP, deixen clara a súa postura sobre esta cuestión. A iniciativa rexistrouse o pasado 1 de xuño e xa non poderá debaterse até despois das eleccións andaluzas do próximo día 19, pero si dará tempo a que poida para incluírse nun Pleno posterior.

Co texto, o PSOE busca unha declaración institucional de rexeitamento a pactos con partidos que cuestionen a configuración constitucional, e refírese expresamente a aqueles que son de extrema dereita.

"O Congreso dos Deputados reafirma o seu compromiso co fortalecemento da democracia e insta as formacións políticas a non aceptaren acordos e pactos de goberno cos partidos de extrema dereita que non respectan o ordenamento e configuración constitucional para protexer o noso Estado social e democrático de dereito, en cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostíbel nº 16 de Paz, Xustiza e Institucións Sólidas", reza o texto.

Ataques a Feixoo

Ese o documento que o PSOE quere someter a votación, no que non se cita expresamente Vox, aínda que si se menciona nos parágrafos previos da exposición de motivos. En concreto, o PSOE acusa o PP de "abrir as portas a Vox" co seu pacto de coalición en Castela e León despois de 40 anos "de democracia e a fin do réxime do ditador Franco".

"Moi lonxe, mesmo nas antípodas dos tradicionais partidos conservadores europeos, o novo PP de Alberto Núñez Feixoo foi o primeiro partido europeo que situou a ultradereita nas institucións de goberno", denuncia o PSOE.

Segundo os socialistas, "existen varias formas de abordar a relación con partidos políticos que non respectan a arquitectura constitucional, ameazan a democracia, verten discursos de odio e non respectan a pluralidade política: illalos baseándose na súa forma de facer política ou competir con eles, adoptar o seu discurso e asumir as súas propostas".

Os exemplos de Francia e Alemaña

A mellor solución é, para o PSOE, impulsar o que se coñece como 'cordón sanitario' para illar os de Santiago Abascal. Neste senso, o grupo socialista avoga por seguir o ronsel da maioría do arco parlamentario francés, que chamou a votar Enmanuel Macron na segunda volta das recentes eleccións presidenciais para fechar o paso á líder de Agrupación Nacional, Marine Le Pen.

Tamén lembra o "exercicio de responsabilidade" que, ao seu xuízo, fixo a ex chanceler Angela Merkel en 2020 ao recuar no apoio que o seu partido, a CDU, dera inicialmente á extrema dereita para gobernar en Turingia e optar finalmente por deixar gobernar á esquerda.

"Vencellos con Putin"

Aliás, os socialistas lembran que o pasado mes de febreiro Vox exerceu de anfitrión en Madrid nun cumio ao que asistiron os principais líderes da extrema dereita europea, aos que acusa de "render homenaxe, cando non os louva", até "hai ben pouco" ao presidente ruso, Vladimir Putin.

"O ultradereitismo ruso foi para moitos partidos de extrema dereita, incluído Vox, o espello onde enriquecerse ideoloxicamente", censura o PSOE na súa proposición non de lei.

Comentarios