O PSOE faille as beiras a Errejón

O movimento do cofundador de Podemos —a súa ruptura con Pablo Iglesias, o seu acordo electoral con Manuela Carmena para o asalto da comunidade autónoma de Madrid— non ten pasado desapercibido a ollos do PSOE. A súa vicesecretaria xeral, Adriana Lastra, declarou esta terza feira sobre o futuro de Errejón: "As portas do PSOE están abertas". Puxo como exemplo que o recentemente falecido Vicente Álvarez Areces "foino todo" no partido socialista após ter sido secretario xeral do PCE en Asturias.

26699656958_c8040bffc0_z
photo_camera Adriana Lastra nun acto do PSOE.

"Non sei o que [Errejón] ten en mente, mais neste partido as portas están abertas para entrar, tamén para saír, a todo aquel que queira e estea comprometido coa socialdemocracia e as políticas de esquerda", dixo Adriana Lastra na antena de RNE, ao tempo que cualificou o seu partido de "grande casa da esquerda". En todo caso, concedeu que "seguramente Errejón ten o seu propio percorrido" e enfatizou que nas autonómicas será rival do PSOE.

Nos ambientes da esquerda rupturista hai xa tempo que se baralla a tese de que Errejón, após perder o combate interno con Iglesias, acabe recalando nas filas do PSOE. De se producir, esa aterraxe non faría máis que seguir os pasos de millenta cadros políticos provenientes do PCE que se sumaron á formación socialdemócrata, fenómeno que foi especialmente intenso nos 80 do pasado século após a chegada de Felipe González á Moncloa.

Errejón, porén, reafirmou esta segunda feira o seu compromiso co partido morado. Na mesma comparecencia en que anunciou a renuncia ao seu escano no Congreso, esforzouse en comunicar que non pensa abandonar a formación liderada por Pablo Iglesias: "Fundeino [Podemos] e lévoo tatuado na pel".

O politólogo irá ás autonómicas con Manuela Carmena, a alcaldesa de Madrid. Ex dirixente ela tamén do PCE, o PSOE tanteouna para encabezar unha lista conxunta. Non se chegou a ningún acordo, mais durante o seu mandato Carmena tense mostrado máis perto do PSOE que do aparato de Podemos.

Comentarios