O PSOE convocará eleccións “nuns meses” se Ciudadanos apoia a moción

O PSOE de Pedro Sánchez dá un novo bandazo. Menos de 24 horas despois de anunciar unha moción de censura sen condicións contra o muribundo Goberno de Mariano Rajoy, bota o freo para procurar o apoio de Ciudadanos.

Pedro Sánchez PSOE Flickr PSOE
photo_camera O líder do PSOE, PEdro Sánchez. Foto: PSOE.

Albert Rivera ten as enquisas e boa parte dos poderes fácticos a favor. Sábeo. Tras a sentencia da Gürtel, o seu partido apurou a pedir eleccións. Tarde demais. O PSOE xa rexistrara unha moción de censura, o que impide convocar ás urnas antes de que se resolva no Parlamento.

Ao tempo, Pedro Sánchez afirmara que a súa iniciativa se dirixía aos 350 deputados e deputadas do Congreso. É dicir, Podemos e independentistas incluídos, aínda que sen negociacións previas.

Mais as presións do bloque social conservador comezaron. E esta mañá provocaron que o secretario de Organización dos socialistas, José Luis Abalos, amosase as súas intencións de acadar, a toda costa, os votos de Ciudadanos. A número catro da executiva, Carmen Calvo, tamén abriu a porta a convocar eleccións “nuns meses”, sempre e cando os de Rivera garantisen aprobar a moción de censura.

O paradoxal é que, unha vez en marcha a moción de censura, non pode haber convocatoria electoral. Se o PSOE a retirase, a opción dos comicios só podería executala o presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Quen xa deixou claro que a súa vontade é resistir contra vento, marea, xulgados e sectores cada vez máis ruidosos da súa propia organización.

Así as cousas, a única oportunidade de Ciudadanos é fiarse de Pedro Sánchez. E o líder socialista xa demostrou máis de tres e catro veces que as súas posicións e discursos son, a dereita e esquerda, calquera cousa agás estábeis.

Comentarios