O PSOE celebrará primarias para municipais e autonómicas en setembro e para as xerais, en novembro

As primarias para a elección da persoa que encabece a candidatura do partido nas eleccións lexislativas serán, por vez primeira na historia do PSOE, aberta á participación de non militantes.

photo_camera Rubalcaba, nunha comparecencia

O Comité Federal do PSOE aprobou hoxe a proposta de calendario de primarias formulada polo seu secretario xeral, Alfredo Pérez Rubalcaba.

Perante o máximo órgao do PSOE entre congresos, o líder socialista defendeu que as primarias acompañen a “orde cronolóxica natural” dos procesos eleitorais, tendo en conta que as autonómicas e as municipais se realizarán en 2015 -as galegas, non, agardarán até 2016-, mentres que as xerais están tamén axendadas en 2016.

Salientou o secretario xeral do PSOE que o feito de as primarias para a candidatura ás xerais seren abertas á participación de non militantes constitúe “unha decisión trascendental” que vai mudar a política no Estado español.

«Haberá un antes e un despois das eleccións primarias que vai realizar o PSOE”, dixo.

Besteiro, por unha "reforma constitucional consensuada"

No mesmo sentido pronunciouse o secretario xeral do PsdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, integrante do Comité Federal.

Besteiro definiu o proceso de primarias abertas como “un paso absolutamente vangardista e sen precedentes en España nen noutros partidos”. Fixo votos por que as demais formacións políticas tomen nota e actúen en consecuencia: “que non lle teñan tanto medo ao que a xente teña que dicer”.

Sobre o conflito político entre Catalunya e o Estado, Besteiro enfatizou que o PSOE si ten unha alternativa, a da reforma da Constitución de 1978 que, a seu xuízo, debe ser consensuada”.

Comentarios