O PSdeG insta o PP a que revitalice o Parlamento e ve o BNG como "socio preferente"

O Pazo do Hórreo está baixo mínimos porque o PP non ten o menor interese no seu funcionamento. Así o ve o portavoz do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga.

Leiceaga fixo un repaso da situación do emprego en Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Xaquín Fernández Leiceaga

O PSdeG ve con preocupación que o PP utilice o Parlamento exclusivamente como "caixón de resoancia" e só cando lle interesa do ponto de vista do marketing político.

A falta de impulso por parte do grupo parlamentar conservador [detenta unha maioría absoluta de 41 sobre 75 escanos] explicaría, a xuízo do PSdeG, a paralización das comisións de investigación sobre a sanidade e as caixas e a interinidade en que se achan a dirección xeral da CRTVG e o Valedor do Pobo.

Canto á CRTVG, lembra o PSdeG que o director xeral ten que ser escollido por maioría parlamentar de acordo coa lei de medios de 2011, un texto legal pactado precisamente pola bancada socialista coa conservadora.

Para o portavoz do PSdeG, a atonía do PPdeG no Parlamento galego xa se está a traducir fóra da institución, como demostraría a súa perda de apoios nos recentes procesos electorais.

As urnas terían mostrado que "a cidadanía quere cambio encabezado polos socialistas galegos, con independencia de quen sexa o candidato do PP", dixo coa mente xa posta nas galegas de 2020.

E sobre a política de pactos nos concellos, defendeu acordos de "amplo espectro" co BNG —non as mareas— como "socio preferente", con vistas a conformar "gobernos sólidos e estábeis".

Comentarios