O PS afástase da maioría absoluta en Portugal

O conservador PSD reduce a catro puntos a distancia cos socialistas.
EuropaPress_4153774_primer_ministro_portugues_antonio_costa
photo_camera António Costa encamíñase a liderar un Goberno en minoría (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press)

O Partido Socialista (PS) continúa a liderar as intencións de voto do electorado portugués de cara aos comicios lexislativos do próximo 30 de xaneiro, mais o PSD (dereita liberal) recorta distancias. Segundo a sondaxe de intención de voto realizada pola Universidade Católica, os socialistas conseguirían 37% dos sufraxios, mentres que os conservadores chegarían até 33%.

Segundo o inquérito, divulgado nas últimas horas por RTP1, Público e Antena 1, o PS contaría agora mesmo con dous puntos menos que no último, e o PSD, tres máis. É dicir, os nove puntos de vantaxe que tiña o PS sobre o PSD hai unha semana reducíronse a só catro.

Ademais, en caso de que esta proxección de resultados se replicase nas urnas, o PS estaría máis lonxe de conseguir a maioría absoluta á que aspira António Costa, líder dos socialistas e primeiro ministro en funcións, para non depender de socios á súa esquerda (ou dereita).

Triplo empate

O ultradereitista Chega continúa a ser a terceira forza política en intención de voto, sumando 6%. E en cuarto lugar, a sondaxe da Universidade Católica ofrece un empate técnico entre o Bloco de Esquerda (BE), a CDU (coalición de PCP e Verdes) e a Iniciativa Liberal (IL), con 5% dos sufraxios para cada unha das tres listas.

Cómpre salientar a suba dos liberais ─un punto─ e a caída dos bloquistas ─outro punto─ a respecto da anterior sondaxe. 

Por último, aparecen a conservadora CDS-PP, a animalista PAN e a ecosocialista Livre, con 2% dos votos cada unha.

A persoas consultadas, á pregunta de "qual vai ser o partido mais votado" nas lexislativas, independentemente das súas preferencias partidistas ou da intención de voto, consideran na súa ampla maioría (72%) que este será o PS. E 50% cre que Costa é o que está en mellor posición para liderar o Goberno, mentres que para 35% este sería o líder do PSD, Rui Rio.

Abstención

Sobre a intención de exercer o dereito ao voto, a maior parte das persoas consultadas (70%) respondeu que "votaria de certeza" e 18% que "em princípio sim". Por outro lado, 3% "de certeza que não iria votar" e 1% "não tencionaria fazê-lo". 

Comentarios