Israel mata 16 palestinos

Protestos masivos en Palestina no 70 aniversario de Israel

Dezaseis mortos e máis de 1.400 civís feridos forman o balanzo provisional dos masivos protestos palestinos no 70 aniversario da creación do Estado de Israel. A Gran Marcha do Retorno, coa que a poboación palestina reivindica o regreso de todas as persoas refuxiadas, foi a primeira manifestación de seis semanas de mobilización.
 

palestina
photo_camera Protestos en Gaza.

A Franxa de Gaza, sometida por Israel a un sitio permanente que incumpre unha vez e outra as resolucións ao respecto das Nacións Unidas, sufriu esta sexta feira o indiscriminado fogo militar israelí. Segundo explica o xornal británico The Guardian, foi “o máis sanguiñento día en Gaza desde 2014”.

O portugués António Guterres, secretario xeral da ONU, vén de esixir unha “investigación independente e transparente” sobre os feitos, que se saldaron, como é habitual, con mortos e mortas palestinos e sen baixas no bando de Israel.

O embaixador palestino no organismo internacional, Riyad Mansour, asegurou agardar “que o Consello de Seguridade asuma a súa responsabilidade” perante uns actos que “constitúen claramente unha ameaza á paz e á seguridade internacionais”.

A mobilización da poboación palestina será continuada deica o 14 de maio, o Día da Nakba [Día da Catástofre], cando se fan 70 anos da expulsión do 75% das palestinas e palestinos do seu territorio e da fundación do Estado de Israel.

Comentarios