A segunda feira en Vigo

Protesto contra o xuízo de Marrocos a activistas saharauís

A vindeira segunda feira, 26 de decembro, terá lugar en Vigo unha concentración contra o xuízo ao que Marrocos somete activistas saharauís cando se fan seis anos desde que as forzas de ocupación marroquís desmantelaron o campamento de protesto nas proximidades do Aaiún, no territorio ocupado.

[Imaxe: Miquel García] Campamento de Gdeim izik, no outono de 2010
photo_camera [Imaxe: Miquel García] Campamento de Gdeim izik, no outono de 2010

Formacións políticas como En Marea, o BNG e EU; sindicatos como a CIG, CCOO e UGT e organizacións como a Fruga, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí ou a Asociación de Inmigrantes de Galiza participarán a vindeira segunda feira, 26 de decembro, ás 11h diante do Marco, nunha concentración contra o xuízo que sentará activistas saharauís por instalar o campamento de Gdeim Izik no territorio ocupado.

O protesto ten lugar cando se fan seis anos da represión ás persoas que instalaran e participaran no Campamento de Gdeim Izik, nas proximidades do Aaiún, capital do Sáhara Occidental. Resultado da forte opresión, centos de activistas resultaron feridos e mesmo se produciron mortes, como a do neno de 14 anos Elgarhi Nayem.

25 persoas xulgadas

Marrocos respondeu ao campamento pacífico, co que os saharauís protestaban contra as violacións de dereitos humanos que sofren, coa detención arbitraria de 25 persoas. Dous anos após os feitos, foron xulgadas sen ningún tipo de garantías e condenadas a duras penas de prisión: nove a cadea perpetua, catro a 30 anos, sete a 25 anos, tres a 20 anos e dúas a dous anos.

Estes 25 activistas continúan no cárcere e volverán ser xulgados na segunda feira polo Tribunal Civil de apelación en Rabat

A presión social e a mobilización internacional provocou a anulación do xuízo. Porén, estes 25 activistas continúan no cárcere e volverán ser xulgados na segunda feira polo Tribunal Civil de apelación en Rabat.

As entidades que apoian a concentración advirten de que Marrocos carece da lexitimidade e da competencia necesarias para actuar contra os activistas. E é que o país non ten xurisdición ningunha sobre o Sáhara Occidental, tal e como recollen resolucións internacionais e a propia ONU.

Comentarios