As protestas empezaron nas propias estacións do metro de Santiago de Chile a pasada semana. Despois estendéronse con lumes en bancos, supermercados, universidades... O transporte quedou bloqueado: suspendeuse a circulación de autobuses e canceláronse numerosos voos. O levantamento contra as medidas do goberno comezara con xente saltando as barreiras do suburbano e negándose a pagar. O prezo do billete incrementouse 3,5%, mais a suba fíxose demasiado onerosa para a maioría da poboación. As protestas derivaron en disturbios na rúa e en enfrontamentos cos carabineiros.
O diario El Mercurio titulaba a súa edición en papel deste domingo: Ola de violencia non cede ante el toque de queda ni la suspensión del alza de tarifas, e relataba as 36 horas “máis violentas desde o retorno da democracia” cos militares nas rúas. A primeira hora, La Tercera informaba do levantamento do toque de queda e a recuperación paulatina do servizo de buses e do aeroporto que “colapsou o sábado”.
“Escoitei con humildade a voz dos meus compatriotas e non terei medo a seguir escoitando esa voz”, dixo Piñera o sábado desde La Moneda para xustificar a súa decisión de renunciar á suba. A oposición do Frente Amplio sinalou os baixos salarios como causa última dos disturbios.
Beatriz Sánchez, unha das líderes do Frente Amplo, preguntábase onte: “Non ven a desesperación dunha familia que gana o salario mínimo e que gasta 10% ao mes para ir ao traballo?”. As autoridades cifran danos en 76 estacións de metro da capital. O balance de mortos era este sábado de tres persoas falecidas no incendio dun supermercado.