Protestas en Rusia contra a mobilización de 300.000 reservistas na guerra en Ucraína

A Fiscalía de Moscova advertira que os organizadores da manifestación non solicitaran o permiso para levar a cabo as protestas, polo que a participación nelas podía ser constitutiva de delito.
Protestas desta cuarta feira en Rusia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Protestas desta cuarta feira en Rusia. (Foto: Europa Press)

38 cidades rusas acolleron na tarde desta cuarta feira concentracións e protestas contra a mobilización de 300.000 reservistas anunciadas polo presidente Vladimir Putin, no marco da guerra en Ucraína.

Entre as cidades nas que tiveron lugar estas manifestacións están Moscova, San Petersburgo, Ekaterimburgo, Perm, Ufá, Krasnoyarsk, Cheliábinsk, Irkutsk, Novosibirsk, Yakutsk, Ulán-Udé, Arjánguelsk, Korolev, Vorónezh, Zheleznogorsk, Ízhevsk, Tomsk, Salavat, Tiumén, Volgogrado, Petrozavodsk, Samara, Surgut, Smolensk, Bélgorod.

Segundo a asociación OVD-Info nestas protestas producíronse 1,054 arrestos. Porén, varias contas de redes sociais vinculadas ao opositor político Alexéi Navalny afirmaron que o número de detencións era maior.

Durante as primeiras horas da tarde, a Fiscalía de Moscova advertira que os organizadores da manifestación non solicitaran o permiso para levar a cabo as protestas, polo que a participación nelas podía ser constitutiva de delito.

Mobilizacións de reservistas

O presidente da Federación RusaVladímir Putin, anunciou a primeira hora desta cuarta feira unha mobilización militar "parcial" da poboación para contrarrestar a ofensiva protagonizada polas tropas ucraínas nas últimas datas.

"A liberación de todo o territorio do Donbass segue a ser o obxectivo inamovíbel da operación militar", dixo, nunha mensaxe dirixida á nación na que instou a "defender a patria, a súa soberanía e a integridade territorial".

As campañas de mobilización comezarán esta mesma cuarta feira e, segundo apuntou Putin, só serán chamadas a prestar o servizo militar aquelas persoas que estean xa na reserva, servisen nas Forzas Armadas e teñan "competencias e experiencia relevantes". Serán arredor de 300.000 efectivos, precisou o ministro de Defensa, Sergéi Shoigu.

Os reservistas recibirán un adestramento especial antes de desprazarse a territorio ucraíno e contarán co status e os pagamentos aos que teñen dereito os militares profesionais, dixo.

Horas antes, a Duma estatal rusa aprobou unha serie de emendas ao Código Penal para endurecer as penas de prisión por actos cometidos na guerra como a rendición, a deserción ou os saqueos, un texto que inclúe os conceptos de "mobilización", "lei marcial" e "período de guerra".

Comentarios