Protestas, represión e enterros no Perú

O Executivo de Dina Boluarte trata de aparentar que as protestas acabaron após 31 mortes, co apoio dos principais medios de comunicación, aínda así, a poboación segue a protestar en múltiples rexións, e os responsábeis dos asasinatos de manifestantes continúan sen ser investigados pola Xustiza peruana.
Acto de homenaxe da Asociación de nais de vítimas do conflito interno aos mortos pola represión. (Foto: Miguel Gutiérrez)
photo_camera Acto de homenaxe da Asociación de nais de vítimas do conflito interno aos mortos pola represión. (Foto: Miguel Gutiérrez)

Segundo os principais medios de comunicación masiva do Perú, todos propiedade dos conservadores, as protestas desatadas pola destitución e detención do ex presidente Pedro Castillo o 7 de decembro, que tamén exixen a renuncia da mandataria Dina Boluarte, eleccións xerais inmediatas e o inicio dun proceso constituínte, finalizaron. O Ministerio de Saúde xa non publica os datos de mortos e feridos e as celebracións polas festas inundaron o panorama mediático.

Así e todo, as múltiples mobilizacións ao longo do país, sobre todo nas áreas máis empobrecidas, continúan, azuadas pola represión exercida polas Forzas Armadas e a Policía.

A Coordinadora Nacional de Dereitos Humanos peruana reportou onte que desde o comezo das protestas asasinaron 25 persoas, ás que hai que engadir seis mortes que as autoridades atribúen a accidentes de tráfico e incidencias durante as marchas. Entre eles hai cinco menores de idade.

A avogada da entidade, Mar Pérez, destacou que “os asasinatos en protestas non son un feito novo no Perú, desde 2003 a 2020 producíronse 167 mortes a mans das Forzas Armadas”, e explicou que “as situacións máis graves danse cando intervén o Exército, a taxa de impunidade neses casos achégase ao 100%”.

A pesar diso, os movementos sociais de rexións como o Val dos ríos Apurímac, Ene e Mantaro, unha das menos desenvoltas do país, organizaron onte novas mobilizacións, entrementres, en Lima impulsaron a noite anterior unha xornada de loita cultural na praza Manco Cápac, con homenaxes ás vítimas da represión. Noutras rexións acordouse unha tregua até o comezo de 2023, cando retornarán as protestas.

Por parte do Goberno, informouse de que militares e policías asaltaron a planta de gas natural de Kepashiato, en Cusco, controlada polos manifestantes que reclamaban a disolución do Congreso, responsábel de destituír a Castillo.

A operación chega despois de que a Sociedade Peruana de Hidrocarburos comunicara que a toma de novas plantas podería paralizar o sistema de distribución de gas do país.

Asemade, a Xustiza, aliñada cos conservadores do lexislativo, ordenou o rexistro da vivenda e das oficinas de Walter Ayala, ministro de Defensa do país até novembro, e abriu unha investigación en contra dos líderes da Confederación Labrega por "terrorismo", despois de irromper na súa sede.

Comentarios