As protestas pola reforma das pensións en Francia deixan, polo menos, 200 detencións

Líderes sindicais reiteraron que as manifestacións continuarán até que se logre fixar a idade de xubilación en 60 anos.
Protestas pola reforma das pensións en Francia que deixaron 200 detencións (Foto: Europa Press / Contacto / Gerard Cambon).
photo_camera Protestas pola reforma da idade de xubilación en Francia que deixaron 200 detencións (Foto: Europa Press / Contacto / Gerard Cambon).

Axentes policiais reprimiron na madrugada desta sexta feira protestas en París e outras cidades do Estado francés tras a decisión do presidente Emmanuel Macron de impor por decreto o proxecto de reforma de pensións que viña discutindo na Asemblea Nacional.

Medios locais parisienses denunciaron a represión por parte de corpos policiais durante as protestas populares en rexeitamento á aprobación do proxecto de lei de pensións sen o seu paso polo Congreso.

Organizacións políticas, á súa vez, condenaron a detención de máis de 200 persoas, do mesmo modo que as accións arbitrarias de policías franceses ao lanzar bombas lacrimóxenas contra manifestantes na praza da Concordia, en París.

Líderes dos sindicatos reiteraron que as manifestacións continuarán até que se logre fixar a idade de xubilación en 60 anos.

Decreto

Macron aprobou na quinta feira por decreto, é dicir sen pasar polo poder Lexislativo, a reforma das pensións que aumenta a idade de xubilación dos 62 aos 64 anos, decisión que foi rexeitada por millóns de persoas en distintas cidades do país.

Tamén o Senado aprobou o texto definitivo da reforma das pensións e pasou a mans da cámara baixa do parlamento, que debía votala.

Antes de que iso ocorrese e baixo os apupos dos deputados de oposición, a primeira ministra Élisabeth Borne anunciou a decisión do presidente de recorrer a un poder constitucional de cando en cando utilizado para adoptar a reforma pola vía do decreto.

Foi unha admisión de que non alcanzarían os votos para aprobar a lexislación que elevou a idade de xubilación de 62 a 64 anos e elimina os privilexios de xubilación que gozan algúns empregados do sector público.

Comentarios