martes 03/08/21

Protestas e detencións nun Perú incapaz de saír da espiral de corrupción

Unha representación parlamentaria afectada polas iniciativas de rexeneración política e xudicial impulsadas pola Presidencia e un sistema político que favorece a aprobación de mocións de censura provocaron a caída de Martín Vizcarra, até a pasada segunda feira xefe de Estado do Perú, acendendo as rúas de Lima e de todo o país.
EuropaPress_3423933_manifestacion_lima_contra_investidura_manuel_merino_nuevo_presidente_peru
Marcha contra a toma de posesión de Merino, a terza feira en Lima (Mariano Bazo / Zuma Press)

Polo menos 27 persoas foron detidas en Lima durante as protestas contra a investidura de Manuel Merino como novo presidente do Perú, un día despois de o Congreso aprobar a destitución de Martín Vizcarra, acusado de recibir 2,3 millóns de soles (uns 543.000 euros) a cambio de contratos de obras públicas cando era gobernador de Moquegua (2011-2014).

Segundo relatou a prensa peruana, os enfrontamentos entre manifestantes e Policía foron intensos. Os primeiros tentaron chegar até o Congreso, mais foron freados con gases lacrimóxenos e bólas de goma. Tamén houbo concentracións ante a sede de Acción Popular, o partido de Merino, e noutras localidades do país.

O conflito xorde tras a aprobación da "vacancia" (unha especie de moción de censura ou xuízo político) a Vizcarra por "permanente incapacidade moral". O Congreso aprobaba na segunda feira por 105 votos a favor, 19 en contra e 4 abstencións a súa destitución debido a esta suposta trama de corrupción. Porén, existen dúbidas sobre a acusación ─con base en delacións a cambio de beneficios legais─ e sobre a actuación parlamentaria.

En primeiro lugar, os cargos que se lle imputan a Vizcarra aínda non foron xulgados nun tribunal. En segundo lugar, este xuízo político ─como o "impeachment" de hai uns meses ao presidente estadounidense, Donald Trump─ ten unha peculiaridade no Perú con respecto aos Estados Unidos: no país norteamericano hai unha Cámara que acusa (a de Representantes) e outra que xulga (o Senado); no país suramericano, pola contra, o Parlamento é unicameral, peculiaridade na rexión canda a Venezuela e ao Ecuador. 

Presidentes na corda

Neste Congreso peruano, dos 130 deputados, máis da metade (68) están investigados por corrupción. Así, os críticos e algúns expertos citados polos medios locais consideran que a moción responde a intereses partidistas. 

Ademais, expresouse a preocupación por que se poña en perigo o equilibrio de poderes se entre os ministros de Merino hai membros das bancadas parlamentarias que destituíron a Vizcarra. Tampouco pode gobernar sen designalos, á espera das eleccións previstas para o mes de abril: a Constitución sinala que "son nulos os actos do presidente da República que carecen de referendo ministerial", explicaron os constitucionalistas Violeta Bermúdez, Samuel Abad e Natale Amprimo en El Comercio.

Tamén o ex presidente do Tribunal Constitucional Óscar Urviola sinalou que se debe garantir a división de poderes para evitar que o Perú se torne nunha autarquía. 

Precisamente as modificacións que se foron introducindo no sistema político peruano, tentando evitar un réxime hiperpresidencialista, son as que sumadas á circunstancia da unicameralidade fan que o posto de presidente sexa moi inestábel, dado que depende dunha maioría sólida no Congreso, tal e como acontece nos sistemas europeos cos presidentes de Goberno ou primeiros ministros.

A maiores engádese o mecanismo capcioso da "vacancia", orixinado na Constitución de 1839 e ratificado en todas as posteriores até a actual de 1993. Unha ferramenta destinada a verificar as capacidades do presidente para exercer o cargo, mais cunha definición ambigua e un proceso de execución relativamente sinxelo: 20% dos deputados pódena solicitar, 40% admitila a trámite, e 66% (87 de 130 lexisladores) aprobala.

A contracorrente

Todo isto favorece que poida ser usada con intereses políticos espurios. Iso é o que se denuncia nesta ocasión, con acusacións nas rúas de "golpe de Estado". A estima a Vizcarra entre a poboación, con cifras de aprobación que rozan 80%, e a zuna que produce no Parlamento explícase, entre outras cousas, polos seus intentos de reforma política e xudicial e pola loita ─paradoxalmente─ contra a corrupción. 

En 2018 promoveu un referendo que incluía a prohibición da reelección de congresistas e a presentación de candidaturas de procesados por corrupción, reforma aprobada con 85% dos votos. E en 2019, disolveu o Congreso ─dominado desde o cárcere por Keiko Fujimori─ tras lle ser rexeitada tres veces unha reforma na elección dos membros do Tribunal Constitucional. O xa novo Parlamento, cos mesmos partidos, buscou minar o labor dun presidente sen apoios nas bancadas.

Se ben a liña ideolóxica de Vizcarra ─centrodereita liberal─ en moitos aspectos é coincidente cos seus verdugos, tamén é certo que algunhas das súas actuacións chocan coa corrente conservadora no continente. Así, por exemplo, acudiu o pasado domingo á toma de posesión do presidente de Bolivia, Luis Arce, e solicitou durante o pasado inverno austral a axuda das brigadas médicas cubanas para loitar contra a Covid, enfermidade que no Perú fixo estragos. 

Con todo isto, Vizcarra tivo que afrontar xa en setembro un primeiro proceso de vacancia, do que logrou zafar. Desta volta,  non gozou da mesma sorte.

A Presidencia peruana, á sombra da corrupción

A inestabilidade política é unha constante no Perú das últimas décadas. Igual que o é a corrupción. Vizcarra sucedeu no cargo de presidente a Pedro Pablo Kuczynski en marzo de 2018, que renunciou tras ser vinculado coa Operação Lava Jato, iniciada no Brasil, e pola que actualmente cumpre arresto domiciliario. Neste mesmo caso foi investigado o seu antecesor, Ollanta Humala (2011-2016), que tamén acabou en prisión, aínda que na actualidade está en liberdade.

Alan García (2006-2011) suicidouse en abril de 2019 cando ía ser detido por asuntos relacionados co caso Odebrecht (parte da Lava Jato). Ao igual que Alejandro Toledo (2001-2006), que chegou a ser prófugo da xustiza. Caso á parte é Alberto Fujimori (1993-2000), condenado a 25 anos por delitos de lesa humanidade e a outros sete por corrupción.

comentarios