Menos horas de viaxe e control da temperatura no transporte de gando

A Eurocámara aproba unha batería de recomendacións para reforzar a protección animal na UE.
transporte_animal_ciwf
photo_camera Medición nun camión de transporte de gando (Foto: Compassion in World Farming)

O Parlamento Europeo aprobou nesta quinta feira unha petición para que a UE intensifique os traballos de protección dos animais durante o seu transporte. Así, por exemplo, defende unha transición "cara a un sistema máis eficiente e ético, que favoreza o transporte de seme e de embrións no canto de gando reprodutor, e de canles e carne en lugar de animais para seren sacrificados".

Estas e outras recomendacións ─resultado do traballo da comisión de investigación do PE sobre benestar animal durante o transporte creada en xuño de 2020─ foron aprobadas no pleno da Eurocámara por 557 votos a favor, 55 en contra e 78 abstencións. Agora a Comisión Europea deberá telas en conta para actualizar a lexislación, e en particular para a revisión do regulamento de 2005 sobre a protección de animais no transporte que agarda presentar en 2023.

O Parlamento pediu ademais que a acción normativa veña acompañada dun plan de acción para apoiar esa transición, incluída unha proposta con fondos específicos para minimizar o impacto socioeconómico das mudanzas necesarios.

Oito horas

Entre outras medidas aprobadas na solicitude ao Executivo comunitario está que o tempo de viaxe dos animais até o matadoiro non debe superar as oito horas, ou catro no caso das femias no último terzo de xestación.

As crías lactantes de menos de catro semanas tampouco deberían ser transportadas, excepto polos gandeiros e nunha distancia inferior a 50 quilómetros. Tamén se pide a obriga de instalar cámaras nos vehículos de transporte, en particular, para as operacións de carga e descarga.

Ademais, as autoridades estatais só deberían conceder autorizacións de viaxe se a temperatura prevista oscila entre 5ºC e 30ºC, e un rexistro desta, así como da humidade e nivel de amoníaco. 

Comentarios