Prorrogadas as medidas do 'escudo social' até 31 de outubro

O Consello de Ministras e Ministros deu luz verde á prórroga das medidas do decreto lei de 'escudo social', que expiraban o vindeiro 9 de agosto, polo que a súa vixencia manterase cando menos até 31 de outubro. Tamén foron repartidos os fondos para a recuperación prometidos por Pedro Sánchez aos territorios.
Xuntanza do Consello de Ministros desta terza feira, o último antes das vacacións. (Foto: Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa)
photo_camera Xuntanza do Consello de Ministros desta terza feira, o último antes das vacacións. (Foto: Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa)

O último Consello de Ministras antes das vacacións do Executivo estatal aprobou a prórroga até 31 de outubro das medidas do chamado escudo social, fixo público despois da reunión desta terza feira Isabel Rodríguez, voceira do Goberno español e ministra de Política Territorial e Función Pública.

Este paquete de medidas inclúe a suspensión dos despexes de familias vulnerábeis sen alternativa de vivenda, unha moratoria no pago do alugueiro no caso de que o propietario teña 10 ou máis vivendas, e a prohibición de cortes de subministracións básicas (electricidade, gas e auga) nas primeiras vivendas de persoas vulnerábeis.

Tamén se estende a vixencia do bono social incluído no decreto lei, que permite un desconto directo na factura dos servizos usados por este colectivo.

Oxalá a 31 de outubro “os indicadores sanitarios permitan dicir que España pode enfrontar ao futuro sen o escudo”, indicou Rodríguez, que explicou que a prórroga pretende “evitar que [as persoas vulnerábeis] teñan que abandonar os seus fogares como consecuencia da situación de pandemia, e na protección dos servizos esenciais ás vítimas de violencia de xénero”.

Fondo de 13.000 millóns

Na xuntanza tamén se deu vía libre ao decreto para distribuír 13.486 millóns de euros aos territorios, un compromiso do Goberno estatal para compensar os efectos da crise provocada pola pandemia de Covid-19, que se reparten en base o criterio de poboación axustada, que pondera a poboación total incluíndo as súas necesidades.
Andalucía, Madrid, e Catalunya son os territorios que máis cartos recibirán: 2.357,50 millóns de euros, 2.160,99 millóns e 1.863,76 millóns respectivamente, seguidos de Valencia (1.400 millóns) e da Galiza (828,38 millóns).

Outro dos asuntos abordados foi a concesión dun millón de euros en axudas para investigación no desenvolvemento tecnolóxico, innovación e equilibrio na cadea de comercialización do sector pesqueiro e acuícola.
 

Comentarios