Na procura da vacina para o virus silencioso

Gobernos e compañías privadas de todo o mundo traballan contra o reloxo co obxectivo de atopar unha droga que inmunice o ser humano contra o novo coronavirus, o SARS-CoV-2, causante da pneumonía COVID-19, e permita á sociedade unha volta á "vella normalidade". Actualmente, hai 119 proxectos de vacina en proceso de desenvolvemento.
Imagen de recurso de trabajadores de laboratorio en busca de una vacuna contra el coronavirus.
ONLY FOR USE IN SPAIN

Imagen de recurso de trabajadores de laboratorio en busca de una vacuna contra el coronavirus.

1/4/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera A comunidade científica cre que non haberá unha droga lista polo menos antes dun ano (Peter Steffen / dpa)

Desde que o primeiro ministro do Canadá, Justin Trudeau, usara a expresión o pasado 9 de abril, numerosos líderes a nivel internacional utilízana continuamente ─e insistentemente─ nos seus discursos: é a "nova normalidade" á que a sociedade se ten que adaptar, con medidas restritivas que se irán relaxando ou intensificando segundo as circunstancias; con distanciamento social, teletraballo e confinamento para a poboación de risco; con continuos rebrotes no número de contaxios. "Esta será a nova normalidade até que se desenvolva a vacina", concluía Trudeau na súa locución pública.

Co obxectivo de regresar á "vella normalidade", os Gobernos de todo o mundo traballan a través de organismos públicos ou financiando iniciativas privadas no desenvolvemento da droga que consiga a inmunidade fronte ao SARS-CoV-2, causante da pneumonía COVID-19

Este novo coronavirus, a diferenza do SARS-CoV-1, causante da epidemia de 2003 no sueste asiático, ten unha característica que o fai máis perigoso que o seu curmán: é silencioso. Mentres que aos poucos días de contraer o CoV-1, o portador xa manifestaba síntomas ─ao igual que acontece con outros virus doutras familias como a gripe estacional ou os rinovirus que provocan o arrefriado común─, no caso do CoV-2 estes síntomas poden tardar até 15 días en aparecer. Ou mesmo non aparecer nunca. A potencialidade de contaxio dun e doutros é evidente.

Inmunización: dúas vías

A contención, xa que logo, semella imposíbel. Cómpre a inmunización da poboación, e esta pódese dar só de dúas maneiras (aínda está por ver se de forma permanente ou, máis probabelmente, de forma temporal): por contaxio ou por vacinación.

O contaxio directo provoca a COVID-19 que, segundo os datos oficiais que se manexan, causou xa a morte de polo menos 170.000 persoas no mundo (máis de 650.000 superaron a doenza).

A vacina é unha forma de contaxio artificial. Consiste en inocular no organismo unha versión debilitada do virus, neste caso o SARS-CoV-2, para que o sistema inmunolóxico se prepare e saiba que facer en caso de que o contaxio natural se produza. En termos puxilísticos trataríase dun sparring para que o corpo humano puidese adestrar de cara ao combate oficial. 

O método tradicional de vacinación usa o virus orixinal debilitado. É o que se utiliza para a gripe estacional, o sarampelo, a parotidite (as cochechas ou papeiras) ou a rubéola. Porén, no caso deste coronavirus estase a usar un novo ─e menos experimentado─ mecanismo: crealo artificialmente no laboratorio. 

Dado que a comunidade científica coñece o código xenético do SARS-CoV-2, pode construír unha versión do virus que se asemelle o suficiente ao orixinal, sen ser letal, para que lle sirva ao sistema inmunitario como sparring. Tamén hai outros proxectos en marcha como introducir pequenas partes do código xenético (de ADN ou de ARN) en virus inofensivos, ou directamente para que se reproduzan no organismo humano e este aprenda a combatelo desde o inicio.

Non menos de 12 meses

Este novo e menos experimentado mecanismo recorta os tempos para o desenvolvemento da vacina, xa que o uso do virus orixinal require maiores medidas de seguridade. A meirande parte da comunidade científica considera que non será posíbel ter a droga antes de 18 meses

É a cifra que manexan nos EUA, segundo Anthony Fauci, director do Instituto Nacional de Enfermidades Infecciosas. Porén, Supriya Munshaw, da Universidade Johns Hopkins, considera este prazo "moi optimista", tendo en conta que "habitualmente unha vacina segura e efectiva tarda entre 10 e 15 anos".

Na UE, a Axencia Europea do Medicamento emitiu a principios de mes un comunicado asegurando que "podería levar polo menos un ano antes de que unha vacina contra a COVID-19 estea lista para a súa aprobación e dispoñíbel en cantidades suficientes para iniciar o seu uso masivo".

Na China, segundo informou a semana pasada o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, a vacina elaborada en marzo pola xeneral de división Chen Wei, que xa en 2003 desenvolvera un aerosol médico durante o brote do SARS-CoV-1, accedeu no 12 de abril á fase 2 dos ensaios clínicos. É dicir, comezou a ser probada nun numero maior de persoas voluntarias sas.

O desenvolvemento dunha vacina pasa por varias fases. Actualmente, hai 111 na fase pre clínica, 7 na fase 1 e, segundo datos da OMS, a de Chen ─baseada no mecanismo de introdución de ADN sintetizado─ é a primeira e única na fase 2. A fase final, a 4, correspondería coa produción e inoculación da poboación mundial.

Comentarios