GONZALO GóMEZ, DIRECTOR DE APORREA

“Os problemas de Venezuela non son culpa da revolución, senón de non ter profundado máis nela”

Venezuela vive inmersa en importantes tensións e reptos. Abordamos a situación do proceso revolucionario en marcha naquel país con Gonzalo Gómez Freire, director do diario dixital Aporrea e un dos referentes da corrente Marea Socialista integrada no PSUV

Gonzalo Gómez, director de Aporrea
photo_camera Foto de XPIgrexas

Gonzalo Gómez, antes de máis nada, insiste en discutir a campaña de intoxicación contra o país afirmando contundente que “ninguén pode negar que Venezuela é unha democracia”. 

Desde o goberno venezolano afirman estar confrontando unha guerra económica. En que consiste exactamente?

Falamos dunha serie de distorsións na economía produto de manipulacións onde entran fenómenos como o desabastecemento programado, o contrabando de extracción, a hiperespeculación ou o desfalco por miles de millóns da renda petroleira. Ten a ver coa captura de divisas mediante a fraude coas importacións para xogar co diferencial cambiario do dolar. Hai que ter en conta que en Venezuela preto do 70% do que se consome é importado. Súmase tamén o deterioro importante dos salarios, inda que se fixeron aumentos salariais pero que non compensan os niveis de inflación que se atinxen arredor do 68%. 

A que se deben os problemas de abastecemento no país?

O que non se vende no comercio formal vai parar ao comercio informal ou pola vía do contrabando de extracción en Colombia a prezos moi elevados, con marxes de até o 300% fronte ao 30% no que o goberno limita o gaño. Isto provoca carestía, falla de produtos importantes para o consumo que xeran malestar no povo, fórmanse fileiras porque os produtos non están e cando chegan tratan de acumular máis do que precisan pola expectativa de que van volver faltar. Non hai esa situación de fame que tratan de mostrar manipulando. 

Que resposta está a dar o goberno?

O goberno bolivariano de Maduro aplica unhas políticas que non sendo as mesmas dun marco clásico neoliberal vanse aproximando a este, inda mantendo as políticas sociais. Falo de medidas como autorizar os incrementos dos prezos, que se continúen outorgando divisas e dólares ao sector privado cando hai un desfalco descomunal no que participan tamén sectores da burocracia corrupta, a creación de zonas económicas especiais que en realidade son illas neoliberais dentro do país, a ampliación da participación accionarial do capital transnacional na industria petroleira e nas empresas mixtas co Estado ou a posibilidade de privatizacións de empresas. Son estes aspectos nos que non se acaba de rachar co capitalismo, co vello modelo económico e inda se pretende regular, o que impide construír o novo modelo de desenvolvemento endóxeno, baseado na produción social, o que a súa vez deixa sen capacidade de resposta diante das actuacións do capital privado contra os intereses do país. 

"Hoxe hai elementos de contrareforma no que é a revolución bolivariana, de cousas que van camiño de dar marcha atrás ao que se conseguiu no tempo de Chávez"

A guerra económica non se debe só a unha trama conspiradora da  burguesía e da dereita, senón que esta combínase coa lóxica do capital e o afán de lucro, que ademais aproveitan para tentar debilitar ao goberno. A mesma non tería iguais efectos se ao tempo non se desen as condicións de que a lóxica do capital continúe a funcionar e se o goberno tivera impulsado as políticas de transformación económica, creando esa rede de empresas que garantisen a produción dos bens básicos para o consumo popular con propiedade social, comunal, con control obreiro. Non é só responsabilidade do ataque do capital, senón que se debe tamén ao atraso ou a conxelación da aplicación dun proxecto revolucionario. 

Pero Maduro fala de transición ao socialismo...

O actual vicepresidente Jorge Arreaza fala por exemplo durante 2014 de coexistencia de modelos. O proxecto bolivariano para nós [a corrente Marea Socialista] non é de coexistencia, inda permitindo unha marxe de economía mixta. Coexistencia de modelos é algo así como que capitalismo e socialismo poden existir ao mesmo tempo. En Venezuela inda non hai socialismo, o que hai son políticas soberanistas que apuntan á independencia nacional e con trazos importantes de antiimperialismo e políticas sociais, conquistas sociais e democráticas da revolución. Non hai economía socialista en Venezuela, hai empresas do Estado manexadas con criterios de capitalismo de estado e marxinalmente algunhas con certa participación dos e das traballadoras na súa dirección. Por iso non se pode falar de fracaso do modelo socialista en Venezuela porque inda non se levou adiante, e ese é precisamente o problema. O fracaso é querer manterse dentro do modelo capitalista, mesmo a pesar das grandes diferenzas co enfoque neoliberal. Os problemas que vivimos no país non son por culpa da revolución, senón porque fai falla profundar nela.

O testamento político de Chávez foi un “golpe de leme” no que instaba a aplicar o Programa da Patria. Estase a facer?

O golpe de leme non foi asumido polo goberno de Maduro. Na proposta de Chávez chama a virar o rumo para ir a unha nova etapa de aceleración na construción da nova sociedade, do socialismo en Venezuela. O programa da patria tampouco se está a aplicar. Após as guarimbas e os intentos de golpes de Estado durante 2013 e 2014 houbo políticas de conciliación, de apostar por equilibrios cos sectores burgueses para poder moderalos, o que retrasa a aplicación do programa da patria. 

Venezuela vive baixo a ameaza dun golpe de Estado?

Si, é unha ameaza real. A conspiración golpista, externa e interna, é permanente. Non só desde os EUA, están sectores paramilitares colombianos ligados a Uribe, ou as persoas que hoxe están a ser encausados pola xustiza que xa participaron noutros intentos e actos criminais[en referencia a Leopoldo López e Antonio Ledezma]. Hai distintos sectores que teñen tácticas diferentes a respecto de como acabar coa revolución bolivariana. Hai algúns que queren a vía rápida, que non queren empregar os mecanismos constitucionais, que cren que poden levar as cousas até forzar a renuncia do Presidente ou provocar un estalido social que poña en xaque a gobernabilidade. Pero tamén hai outros sectores da burguesía que apostan por forzar ao goberno a asumir as súas políticas, para debilitar a base social do proceso revolucionario. 

"Non se pode falar de fracaso do modelo socialista en Venezuela porque inda non se levou adiante”

Hai o risco dun golpe violento pero tamén que a oposición aproveite a situación e falla de resposta para gañar pola vía electoral, logrando unha maioría de dereita na asemblea nacional ou a través dun referendo revogatorio contra Maduro.

Fixo referencia a burocracia corrupta. O chavismo ten inimigos dentro das propias filas?

Hoxe hai elementos de contrareforma no que é a revolución bolivariana, de cousas que van camiño de dar marcha atrás ao que se conseguiu no tempo de Chávez. Hai sectores que medraron coa xestión das empresas do Estado. Esa é a discusión que hai hoxe dentro do movemento chavista. Algúns dicimos aquí hai un proceso de burocratización e temos que salvar a revolución, e hai outros que nos acusan de traidores por formularmos críticas.  Con Chavez [vivo] a situación estaba manexándose doutra maneira. Porque Chavez ante as situacións de presión máis forte movíase á esquerda e dábanse pasos adiante, con contradicións e refluxos. Hai que iniciar un proceso reconstituinte e popular [para reforzar o proxecto bolivariano] no que se incorporen a clase traballadora, o campesiñado, as organizacións populares, para abordar un plan para enfrontar a crise con outra lóxica diferente.

Esta entrevista aparece na páxina 29 do número 135 de Sermos Galiza, publicado esta quinta feira 26 de febreiro e disponíbel nos quiosques do país e na nosa loxa.

Comentarios