A Xustiza peruana decreta a segunda medida de prisión preventiva, de 36 meses, contra Pedro Castillo

O avogado do ex presidente, que xa estaba en prisión provisional após disolver o Congreso e instaurar un Goberno de excepción, insiste en que se trata dunha "persecución" política: "Que quede claro que é un preso político, non un delincuente".
O ex presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: Europa Press)

Pedro Castillo seguirá no cárcere. A Corte Suprema do Perú vén de impor 36 meses de prisión preventiva ao ex presidente polos presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias, informa a prensa local, en relación coas dilixencias abertas sobre o suposto amaño de contratos de obras públicas durante o seu mandato, nomeadamente os relacionados cos ministerios de Transportes e Vivenda e coa compañía estatal Petroperú.

Esta nova medida súmase aos 18 meses de prisión provisional que xa ditara en decembro o mesmo xuíz, Juan Carlos Checkley, contra Castillo no marco da acusación contra el por rebelión, conspiración, abuso de autoridade e perturbación da orde pública após anunciar a disolución do Congreso e a instauración do Goberno de excepción.

"Non hai ningún impedimento para emitir unha segunda orde, pois é de carácter cautelar", defendeu. Para iso deben concorrer os seguintes requisitos: que a posíbel condena sexa maior a catro anos, alto risco de fuga e de obstrución da investigación e mais a forte sospeita da comisión dun delito. O maxistrado entende que o ex dirixente peruano cumpre con cada un deles.

Checkley asegurou que existen "graves e fundados elementos de convicción" contra o ex mandatario, que podería pasar máis de tres décadas en prisión. "A sanción a estimar, dado que en concurso real está atribuíndose ao señor Castillo a comisión dos delitos, vemos que a sumatoria, conforme ao artigo 50, permítenos estabelecer que a pena a impor, no caso de que así sexa [se finalmente é condenado], sería sentenciado a unha pena privativa da liberdade de 32 anos", apuntou a fiscal suprema adxunta Galinka Meza.

Pola súa parte, o avogado de Pedro Castillo, Eduardo Pachas, insiste na inocencia do seu representado, ao que ve na condición de "preso político". "Alberto Otárola [presidente do Consello de Ministros] publicamente dixo, 'como este señor acode á Corte Internacional é probábel que lle dean a liberdade, temos que acelerar os casos de corrupción porque non pode defenderse'. É un mandato público dun funcionario político e meten preso o señor Castillo por un tema político e non xurídico. Que quede claro que é un preso político, non un delincuente", dixo.

A Xustiza do Perú tamén ditou prisión preventiva por 36 meses para o ex ministro de Transportes, Juan Silva Villegas, en calidade de investigado polo presunto delito de organización criminal, entre outros, e emitiu unha orde de busca e captura internacional, dado que se descoñece o seu paradoiro actual.

Aliás, ao ex ministro de Vivenda, Geiner Alvarado, impónselle unha medida de comparecencia con restricións vencellada ao cumprimento dunha serie de "normas de conduta" e o pagamento dunha caución de 35.000 soles peruanos —uns 8.741 euros— nos próximos tres días.

Comentarios