Principio de acordo entre Irán e as potencias mundiais sobre o programa nuclear persa

O goberno de Teherán comprométese a limitar o seu programa nuclear, que sufrirá estritos controis, a cambio do levantamento das fortes sancións económicas e diplomáticas. 


Principio de acordo entre Irán e o grupo 5+1 –formado por USA, China, Rusia, Reino Unido, Francia e Alemaña- sobre o programa nuclear persa. Tras meses de intensas negociacións, o goberno de Teherán aceptou reducir a súa actividade nuclear a cambio de que lle sexan levantadas as sancións económicas e diplomáticas.

Malia o significativo avance que supón o pacto, ambas partes manifestaron que aínda quedan por negociar “aspectos clave”, como asegurou o Secretario de Estado estadounidense, John Kerry, mentres que o seu homólogo iraniano, Mohammad Javad Zarif, sinalou que existen “diferencias significativas”.

O acordo entrará en vigor a partir do 30 de xuño, a expensas de que a Organización Internacional para a Enerxía Atómica (OIEA) verifique a limitación do programa nuclear iraniano.

O goberno de Teherán comprométese a destinar o enriquecemento de uranio só para fins civís.

Con este pacto, o goberno de Teherán comprométese a destinar o enriquecemento de uranio só para fins civís e abandonaría así a pretensión de facerse con armamento nuclear. 

Estritos controis sobre o programa 

O programa iraniano sufrirá estritos controis durante os vindeiros 25 anos. Teherán terá que diluír ou enviar ao estranxeiro o 95% do uranio das súas reservas e abrirá as portas da súa centrifugadora máis polémica, en Fordow, onde as potencias occidentais sospeitaban que estaba a desenrolar a bomba atómica. 

Como contrapartida, o grupo 5+1 levantará as duras sancións económicas e diplomáticas que impuxera ao país persa. O acordo provocou unha reacción inmediata do primeiro ministro hebreo, Benjamin Netanyahu, que advertiu unha vez máis da ameaza que supón para Israel que Irán teña un programa nuclear.
 

Comentarios