Os primeiros combates no val de Panjshir deixan sete soldados talibán mortos

Mentres os talibán celebraban en Kabul que o Afganistán volve ser un país "libre" e prometían "unidade nacional", ao norte do capital producíase a primeira ofensiva contra a resistencia tras dúas semanas de negociacións. Logo da saída de EUA, a esas promesas talibán aférranse –con medo– as persoas que ficaron en terra.
Ahmadullah_Muttaqi_kabul_twitter
photo_camera O dirixente talibán Ahmadullah Muttaqi, sobre a pista do aeroporto de Kabul, nunha foto do seu Twitter (Foto: Ahmadullah Muttaqi / Twitter)

"Parabéns ao Afganistán… esta vitoria perténcenos a todos nós [...] Os Estados Unidos foron derrotados, non foron quen de conseguir os seus obxectivos a través de operacións militares", declaraba sobre a pista do aeroporto internacional de Kabul o portavoz do movemento talibán Zabihullah Mujahid, que aseguraba querer ter "boas relacións co resto do mundo" e prometía aos afgáns "protexer a nosa liberdade, independencia e valores islámicos".

Facíao tras se completar a saída definitiva das tropas dos EUA e da OTAN un minuto antes das 00 horas de onte. "Un momento histórico", agora que o Afganistán volve ser un país "libre e soberano", declarou Mujahid. 

Desde o pasado 14 de agosto, véspera da conquista talibán da capital afgá, EUA e os países aliados evacuaron máis de 123.000 persoas. Mais moitas en risco de sufriren as represalias dos fundamentalistas fican atrás. Por exemplo, os centos de estudantes da Universidade Americana de Afganistán (AUAF), que aseguran estar recibindo ameazas de morte. 

Tamén a presidenta do Goberno alemán, Angela Merkel, cifraba onte en polo menos 10.000 ─e pode que até 40.000─ o persoal que traballa en organizacións para o desenvolvemento e que non puido ser evacuada. Persoal con dereito a residencia en Alemaña, mais que en moitos casos ─dixo─ tiñan demasiado medo a saíren da casa e viaxaren até o aeroporto de Kabul.

Rescates nas sombras

Ademais, vanse coñecendo outras historias, como a do grupo de militares ucraínos que se internaron a pé nas rúas de Kabul, controladas por milicianos talibán, para escoltar até o aeródromo varios buses de familias afgás ligadas a organizacións canadenses, como a do tradutor e colaborador do xornal The Globe and Mail.

Ou a dun grupo de veteranos do Exército estadounidense, oficiais de intelixencia e voluntarios de ONG que levan varios días traballando de forma encuberta para localizar familias afgás, sortear os puntos de control talibán e levalas ao aeroporto. En total, son máis de 700 persoas as rescatadas na operación "Pineapple Express" ("pineapple" é piña ou ananás en inglés, palabra chave e imaxe gardada nos seus teléfonos móbiles para seren identificados). A operación seguirá os próximos meses, asegurou o seu responsábel á canle de TV estadounidense ABC.

Rei morto, rei posto

Mais oficialmente xa non hai tropas estranxeiras no Afganistán, dúas décadas despois da invasión que o Exército estadounidense liderou en represalia polos ataques do 11 de setembro de 2001 contra edificios civís e instalacións militares no país norteamericano. 

O Pentágono difundiu unha imaxe, icónica xa, do derradeiro soldado en saír. Trátase do xeneral de división Chris Donahue, retratado a través dun obxectivo de visión nocturna, o que dá o característico ton verde á foto.

Axiña saíron uns, entraron outros, e nas horas seguintes os talibán accederon ao aeroporto, onde dispararon as armas ao ceo para celebraren o inicio dunha nova era ─ou, está por ver, o regreso ao pasado─. Varios dirixentes talibán publicaron en Twitter fotos e vídeos do acceso ao aeródromo e das horas posteriores. 

Internacionalmente, mantense a liña destes meses. "Afganistán logrou liberarse por si mesmo da ocupación militar estranxeira", declarou Wang Wenbin, portavoz do Ministerio de Exteriores da China, ao tempo que volveu exixir a EUA que asuma a súa responsabilidade no futuro do país. Washington por agora trasladou a sede diplomática a Qatar.

No Consello de Seguridade da ONU aprobouse unha resolución presentada por EUA, Reino Unido e Francia exixindo aos talibán que cumpran o compromiso de deixar saír do país a quen quixer. Porén, non prosperou a proposta francesa de crear unha "zona segura" en Kabul. A resolución foi aprobada con 13 votos a favor e as abstencións da China e Rusia.

Asedio a Panjshir

O control talibán do país non é, porén, absoluto. Mentres que sobre a pista do aeroporto Mujahid prometía que "non se escatimarán gastos en restaurar a unidade nacional e recuperar a harmonía social", a pouco máis de 100 km ao nordeste, no val de Panjshir, producíanse os primeiros enfrontamentos armados entre forzas do novo Goberno e milicias rebeldes anti-talibán. 

Fahim Dashti, portavoz das Forzas de Resistencia Nacional (FRN, un grupo leal ao líder local, Ahmad Massoud), comunicou que sete talibán foran abatidos e outros tantos feridos, segundo recolleu a axencia Reuters. Unha información que coincide co escrito en Twitter por Bismillah Mohammadi, membro da resistencia e ministro afgán co ex presidente fuxido, Ashraf Ghani.

Estas mesmas informacións apuntan que os combates se produciron na entrada occidental ao val, cando os talibán atacaron posicións do FRN. Un importante continxente talibán desprazouse nos últimos días á zona e durante as dúas últimas semanas mantivéronse negociacións entre as partes até os combates da madrugada de onte. 

Ao mesmo tempo, a canle de TV afgá Tolo News, con base nos testemuños dos habitantes da zona, informaba de que os talibán cortaran todos os servizos de telecomunicacións coa provincia.

Desde a caída de Kabul, a provincia de Panjshir e as milicias locais de Baghlan son a única resistencia armada aos talibán. 

EUA, "a superpotencia que decidiu ser minipotencia", critica o 'presidente' Saleh

O autoproclamado presidente do Afganistán, Amrullah Saleh, criticou en Twitter a saída de EUA, que "decidiu ser unha minipotencia", sostivo. Ademais, publicou unha antiga entrevista no programa '60 Minutes' da 'CBS', onde comenta a retirada e asegura que o Afganistán non cesará de existir tras a retirada estadounidense. Alí sostén tamén que ser unha superpotencia leva consigo unha obriga moral. "Afganistán non foi empaquetado e metido na maleta do derradeiro soldado dos EUA. O país está aquí. Os ríos seguen a fluír e os montes son maxestosos. Os talibán son unha forza delegada ("proxy") e odiada, e esa é a razón de que todo o país queira fuxir deles. Unha superpotencia decidiu ser minipotencia e non pasa nada", escribiu onte.

Comentarios