Primeiro round entre 'cohesión' e 'frugais'

Os xefes de Estado e de Goberno da UE reúnense telematicamente para debater o plan de rescate pos-COVID-19. A desta sexta será unha toma de contacto, conscientes de que o acordo –coa oposición previa de Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia– non chegará até xullo, cando os encontros poidan ser xa presenciais. 

2020061814342292689
photo_camera Os presidentes da Comisión e do Consello, Ursula von der Leyen e Charles Michel, na xuntanza do 20 de febreiro para debater o orzamento (Dario Pignatelli / dpa)

"Os traballadores de Volvo en Suecia e os traballadores de Philips nos Países Baixos dependen do desenvolvemento económico en Grecia e en Eslovaquia. Canto máis fortes sexan as economías italiana e española, mellor para Dinamarca e Austria. E viceversa. Estamos nisto xuntos".

O Financial Times publicaba esta semana unha carta escrita polo primeiro ministro de Suecia, Stefan Löfven, que tamén asinan os cargos homólogos de Dinamarca, Mette Frederiksen; Países Baixos, Mark Rutte, e Austria, Sebastian Kurz, onde se expón a posición dos "catro frugais" ─como eles mesmos se autodenominan na misiva─ de cara ao Consello Europeo de hoxe para debater o plan de rescate pos-COVID-19.

Tras unha introdución onde lamentan a perda de vidas humanas 19 e constatan a paralización da economía europea nestes últimos meses ─que levou xa "a mobilizar históricas cantidades de diñeiro"─, os mandatarios manifestan que "os nosos catro países teñen a vontade de facer máis".

A declaración de intencións, co fin de pór o "mercado único a funcionar de novo a toda máquina" e "liberarnos desta crise" onde a "OCDE prognostica perdas no produto interior bruto de 7, 8, 10 e máis para os Estados da UE individualmente", ínzase de liñas vermellas co decorrer da carta. Liñas vermellas que volverán ser trazadas na xuntanza telemática de hoxe.

Sobre a mesa estará o plan de recuperación de 750.000 millóns de euros proposto pola Comisión Europea o pasado 27 de maio, con 250.000 millóns en préstamos e 500.000 millóns en axudas directas para os próximos dous anos. A esta última partida, que segundo o plan do Executivo comunitario será a fondo perdido, fan referencia os "catro frugais" na carta.

"Principios importantes non deberían ser tirados pola borda", sinalan, e pregúntanse: "Como sería responsábel gastar de repente 500.000 millóns de euros de diñeiro prestado e enviar a factura para o futuro?". "Non existe tal cousa como o diñeiro novo ou fresco. O diñeiro gastado terá que ser gañado e devolto. Polos contribuíntes", engaden. 

Estas son algunhas das frases chave deste manifesto pre-negociación no Consello Europeo que anuncian as pexas que encontrará o plan da Comisión para ser aprobado. O nó gordiano para o futuro da UE, onde o escepticismo cara ás institucións comunitarios medra entre a cidadanía. 

Palabras chave

Mais os frugais deixan máis avisos no texto publicado na "biblia" do xornalismo económico: 

"Debería haber criterios específicos e relacionados coa crise sobre os que basear as decisións. Tomar decisións agora baseadas en estatísticas pre-crise simplemente non ten sentido".

"Cando os investimentos son dirixidos cara ás necesidade reais e apoiadas por reformas, poden axudar a arrancar a economía e facela máis forte e máis resiliente para o futuro". 

"O fondo de recuperación de emerxencia deberíase manter aberto até finais de 2022 [coinciden neste punto coa proposta da Comisión]. Cómpre que sexa dun tamaño significante, mais non maior do que poida ser absorbido de maneira proveitosa polos Estados membros durante a presente emerxencia".

As medidas para esta crise non se deberían misturar con outros retos e prioridades da UE [en referencia á proposta de que o orzamento plurianual para 2021-2027 tamén reserve diñeiro para combater a actual crise]". 

"Todos debemos ter un nivel de gasto realista. E o máis importante, o diñeiro debería ser usado con coidado e só onde saibamos que marcará unha diferenza real".

Os países do Leste tamén se poderían posicionar co grupo máis remiso ao gasto

"A nosa reunión da sexta feira debería ser un crucial trampolín cara a un acordo nunha reunión física posterior". A propia carta do convite oficial do presidente do Consello Europeo, Charles Michel, suxire que a xuntanza de hoxe  ─onde tamén se debaterá o orzamento plurianual─ será unha primeira toma de contacto para pór sobre a mesa as distintas propostas.

A dos frugais tamén conta co apoio dalgúns países do Leste, menos afectados pola pandemia e temerosos de que para paliar os seus efectos se desvíen fondos de cohesión de que son beneficiarios.

Tamén a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, advertiu esta semana ante o pleno da Eurocámara que "non nos podemos permitirnos ningún atraso" e cualificou a proposta do seu Executivo de moito máis que un plan de rescate.

Comentarios