Primeiro positivo por coronavirus no campo de refuxiados de Moria

Trátase dun somalí que xa contaba co status de refuxiado desde principios de 2020 e que fora trasladado á Grecia continental, mais ante os problemas para se manter decidiu regresar ao campamento de Lesbos. 
EuropaPress_3203225_21_june_2020_greece_lesbos_migrant_stands_in_his_self-built_shop_in
photo_camera Un rapaz inmigrante no campamento de Moria, nunha imaxe do mes de xuño (Angelos Tzortzinis / dpa)

As autoridades gregas confirmaron o primeiro caso de contaxio entre as persoas refuxiadas que residen no campo de  Moria, situado na illa de  Lesbos, un dos principais portos de entrada de migrantes desde a veciña Turquía na súa viaxe cara a Europa.

Segundo informou na cuarta feira, 2 de setembro, o diario Proto Thema, o primeiro caso confirmado corresponde a un somalí de 40 anos, que xa contaba co status de refuxiado desde principios de 2020. Este home fora trasladado á Grecia continental, mais regresou a Moria recentemente xa que non era capaz de instalarse en Atenas.

Agora, segundo este medio, está prevista a chegada a  Moria dun equipo de expertos da Organización Nacional da Saúde Pública (EODY, pola súa siglas en grego) co fin de localizar os posíbeis contactos do paciente. Ademais, as autoridades locais impuxeron unha corentena no campo tras este primeiro positivo por coronavirus, segundo a cadea de televisión local Skai.

As ONG veñen denunciando  de forma reiterada as condicións do campo de Moria, no que actualmente residen uns 15.000 inmigrantes e refuxiados, aínda que foi construído para albergar miles menos.

Neste sentido, desde que estalou a pandemia, alertaron de que as condicións de amoreamento, de carencia de hixiene e de falla de servizos de saúde supoñen un caldo de cultivo perfecto para a propagación do SARS-CoV-2.

Primeiros casos

No mes de abril detectouse o primeiro surto de coronavirus nun campamento de refuxiados. Foi no de Ritsona, na parte continental, a poucos quilómetros de Atenas. E o 13 de agosto, rexistrouse o primeiro nun campamento insular, nomeadamente no de Vial, na illa de Quíos.

Até onte, Grecia rexistrou algo máis de 10.500 casos da Covid-19, que provocou a morte de 271 persoas. O aumento nos casos fixo que a volta ás aulas se adiase do 7 ao 14 de setembro.

Comentarios