O primeiro informe denuncia fallos mecánicos no tren que descarrilou con tóxicos en Ohio

Unha vintena de vagóns tiñan substancias tóxicas que acabaron por filtrarse ao medio ambiente a pesar da polémica actuación gobernamental, que permitiu á empresa queimar os produtos químicos ao comezar a arder os vagóns accidentados.
Descarrilamento en Ohio. (Foto: Europa Press / Contacto / NTSB)
photo_camera Descarrilamento en Ohio. (Foto: Europa Press / Contacto / NTSB)

“Chamamos a estas cousas accidentes pero non son accidentes, o que pasou era evitábel ao cento por cento”, ratificou onte Jennifer Homendy, presidenta da Xunta Nacional para a Seguridade do Transporte de Estados Unidos, ao transmitir as primeiras conclusións da entidade sobre as causas do descarrilamento dun tren con substancias químicas perigosas en Ohio a comezos de febreiro, que causou unha importante alarma no país polo desastre ecolóxico que está a causar tras a polémica xestión da Administración.

A institución apunta que detectaron “indicios preliminares de problemas mecánicos nun dos eixos”, o que tería provocado un quentamento excesivo nun rodamento -a peza que conecta a roda co eixo dos vagóns- que levou o maquinista a activar o freo de emerxencia antes de que aproximadamente 50 vagóns descarrilaran, unha vintena con produtos tóxicos.

Varios traballadores de Norfolk Southern explicaron que o tren sufrira fallos mecánicos 48 horas antes do suceso, e denunciaron que a carga era excesiva para a súa capacidade, cun peso de máis de 18.000 toneladas e 151 vagóns.

O accidente tamén levou a múltiples medios locais a cuestionar o pésimo estado no que se atopa o sistema ferroviario do país, o que afecta a seguridade dos transportes, a pesar da súa importancia para a economía estadounidense, o que para o Goberno de Joe Biden xustificou aprobar unha norma no último tramo do ano pasado para evitar unha folga masiva anunciada polo persoal das empresas ferroviarias en demanda de mellores condicións laborais.

Amais, a empresa foi unha das que premeu no sector até conseguir eliminar normas federais sobre seguridade que poderían ter evitado o descarrilamento.

Es presión lembroulla o propio Biden, que insistiu en que a compañía ten que asumir os custos derivados.

Despois de saír das vías, parte da vintena de vagóns con substancias tóxicas comezou a arder, polo que a empresa foi autorizada a queimar, de forma en teoría controlada, estes vagóns defendendo o perigo dunha explosión incontrolada, polo que se evacuou os residentes en tres quilómetros á redonda, provocando unha columna de lume de ducias de metros de altura que tardou dous días 
en extinguirse.

Á vez, os tóxicos foron detectados nos cursos de auga até o río Ohio, do que beben cinco millóns de persoas. A poboación criticou que as autoridades a instara a volver ás súas casas antes de comprobar a seguridade ambiental no lugar.

Comentarios