sábado 19/09/20

A primeira reunión da mesa de diálogo entre os gobernos español e catalán será este mes

O Palau da Generalitat acolleu onte a reunión entre os presidentes dos Gobernos español e catalán, Pedro Sánchez e Quim Torra,  como xuntanza previa ao estabelecemento da mesa bilateral entre ambos os Executivos, tal e como se estipula no pacto entre ERC e PSOE que posibilitou a investidura de Sánchez. O mandatario español desbotou a proposta de contar cun mediador nas xuntanzas, propuxo que o encontro entre ambos os Gobernos inicie xa en febreiro e entregou a Torra a "Axenda para o reencontro".

(Generalitat)
(Generalitat)

Unha hora e media durou o encontro de onte entre o presidente español Pedro Sánchez e o catalán Quim Torra. Foi esta a primeira cimeira entre ambos os mandatarios desde a reunión mantida en Pedralbes (Barcelona), en decembro de 2018, no marco da mesa de diálogo que estabeleceran daquela ambos os Executivos. 

A xuntanza de onte desenvolveuse na sede da Generalitat e nela Sánchez propuxo iniciar xa neste mes de febreiro a mesa de diálogo bilateral entre o Goberno español e o catalán. Esta mesa nace co obxectivo de servir para a resolución do conflito político en Catalunya e ten a súa orixe no acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado entre Esquerra Republicana de Catalunya e o Partido Socialista.

Ao remate da xuntanza de onte e en declaracións aos medios, o xefe do Executivo español ofreceuse a presidir a delegación do Goberno estatal na primeira reunión da mesa bilateral, aínda que non quixo adiantar os nomes das persoas que o acompañarán. 

Pola súa banda, Quim Torra comunicou o seu desexo de que a reunión da mesa de diálogo teña lugar canto antes. Mais, ao mesmo tempo, tamén anunciou que antes desa xuntanza convocará todos os axentes independentistas (partidos, entidades e o Consell per la República) para informalos do tratado onte con Sánchez, e sinalou que "hai que incluír todas as actores no proceso negociador se o que se quere é resolver o conflito". "Non hai que perder tempo nin facerllo perder a ninguén. Non hai que trasladar falsas expectativas", concluíu o president. 

Sánchez non quer mediador nin autodeterminación

Esquerra Republicana de Catalunya demandara no acordo de investidura unha mesa de diálogo bilateral sen liñas vermellas para o debate, onde se puidera falar de todo, incluído do dereito a decidir, e cuxas conclusións serían sometidas a consulta na cidadanía catalá. Porén, e pese a non pecharse ao diálogo, Sánchez xa deixou claro que non aceptará a autodeterminación e que non haberá nesas reunións ningunha persoa "mediadora", figura que demandaron desde a formación de Torra, Junts per Catalunya. 

Torra informou a Sánchez "da existencia dun consenso de 80% da sociedade catalá" para exercer a autodeterminación, cun referendo acordado, e demandoulle "pór fin á represión, amnistía e desxudicialización da política, freando todas as causas represivas, xudiciais, da Fiscalía e da Avogacía do Estado".

Torra só ve mera xestión na axenda de Sánchez

Durante o transcurso da xuntanza de onte, Sánchez entregou ao president catalán un documento de 44 puntos titulado "Axenda para o reencontro", como guía para o desenvolvemento do debate da mesa de diálogo entre os Executivos e onde se marca que este espazo ha de servir para atopar "solucións" ao conflito político no "marco da lei e o respecto á seguridade xurídica", ao igual que se estipulaba en Pedralbes, segundo explicou o presidente español na rolda de prensa posterior á reunión. 

O documento das 44 propostas elaborado polo Goberno central comprométese de maneira xenérica a "evitar a xudicialización" e a reducir a "conflitividade institucional", ao tempo que enfatiza o respecto pola “independencia e resolucións do poder xudicial”. Estabelce ademais a intención de impulsar un novo sistema de financiamento autonómico e medidas sobre o corredor do Mediterráneo e que se porán partidas específicas en materia de infraestruturas. 

Quen non quixo valorar a "axenda" nin a negativa de Sánchez a contar cunha mediadora na mesa de diálogo foi Torra. Con todo, Torra si dixo das 44 propostas que unicamente tratan "sobre cuestións sectoriais" que, segundo afirmou, cómpren ser abordadas nun espazo distinto ao da mesa de negociación entre os Gobernos, pois reiterou que a cimeira bilateral debe ter como único obxectivo a resolución do conflito político. 
"Nun Consello de Ministros poderíanse resolver a metade deses puntos, que son déficits crónicos, atrasos e agravios que desexamos que se resolvan rapidamente", vinculados co financiamento e o investimento en infraestruturas, sinalou Torra. 

Casado acusa Sánchez de "render pleitesía"

O líder do Partido Popular, Pablo Casado, cargou contra Pedro Sánchez con motivo do seu encontro con Quim Torra. Sen aínda coñecer o que acontecerá na mesa de diálogo entre os Gobernos catalán e español, Casado acusou Sánchez de realizar "cesións" ao independentismo e protestou contra a escenificación do encontro no Palau da Genrealitat, denunciando que foi recibido como "un visitante estranxeiro". 

Xa na cuarta feira, 5 de xaneiro, Casado apresentou unha querela contra Quim Torra por "usurpación de funcións" apoiándose na resolución da Xunta electoral Central que o inhabilitou como membro do Parlament catalán por non ter retirado da sede do Govern unha faixa con lazos amaralos. 

comentarios