Primeira querela contra Illa despois do seu cesamento

A Asociación nacional de vítimas e afectadas polo coronavirus presentan unha querela contra Salvador Illa e Fernando Simón pola súa xestión da pandemia da Covid. 
E. Parra. Pool. EP2
photo_camera Salvador Illa entrando á rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros na Moncloa. (Foto: E. Parra. Pool/Europa Press)

A Asociación nacional de vítimas e afectadas polo coronavirus (Anvac) presentou unha querela contra o ex ministro de Sanidade, Salvador Illa, e o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón. Esta primeira acción penal, que se presenta despois de que se publique o cesamento do cargo de Illa no Boletín Oficial do Estado, culpa os dous persoeiros de delitos de homicidio e lesións imprudentes, prevaricación e actuación contra as traballadoras e traballadores pola súa xestión da pandemia da Covid-19. 

A querela preséntase como acusación particular en representación de varias decenas de familias que se viron afectadas polo coronavirus, “non só polos feitos da primeira onda, senón tamén polas decisións adoptadas polo Ministerio de Sanidade entre xullo e setembro”, indica o avogado asinante, Pedro Tabares. 

Unha vez que Illa xa non forma parte do Goberno español, non é aforado ante o Tribunal Supremo –instancia ante a que Anvac presentou a querela no seu día, que foi rexeitada– polo que entenden que a competencia agora corresponde aos xulgados de instrución de Madrid.

Con todo, no caso de que se admita e o ex ministro adquira a condición de deputado autonómico tras as próximas eleccións en Catalunya, o asunto deberá pasar ao Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, con sede en Barcelona. 

A querela, centrada na xestión do Ministerio, busca conectar as decisións dos responsábeis co sufrido por persoas concretas, a experiencia das cales é a que foi achegada á querela. Con todo, esperan ampliar adhesións, xa que o  Anvac conta cuns 3.500 asociados.

“O proceso, que require moita documentación, é lento”, segundo recoñece o letrado.

Pola súa banda, Jaime Sánchez, presidente de Anvac, sinalou na porta dos xulgados de instrución que "é o día de facer balance e render contas ante as vítimas". Entende que se debe facer xustiza "pola comisión dunha xestión irresponsábel de principio a fin".

Darias e Iceta

Durante a xornada de hoxe produciuse o traspaso de carteiras no Goberno español. Carolina Darias é a nova ministra de Sanidade e Miquel Iceta ministro de Política Territorial e Función Pública.

Despois de xurar o seu cargo ante o Rei, Darias e Iceta facían declaracións sentando as bases do que será o seu traballo. Darias declaraba en rolda de prensa que “a loita coa pandemia é unha guerra sen tregua e precisamos reducir a transmisión, o cal sei que conseguiremos”, aseguraba. Ademais afirmou que seguirá a senda trazada por Illa, a quen lle agradeceu o traballo realizado. Pola súa banda, Iceta sentaba as bases da súa carteira remarcando o seu compromiso coa constitución e lembrando que o seu primeiro acto público “foi nun instituto de Barcelona pedindo un si á constitución”.

Comentarios