Ana Mato, primeira demisión por corrupción no Goberno Rajoy

Ana Mato presentou a súa renuncia como ministra de Sanidade após coñecerse que o xuíz Ruz a sinala como beneficiaria lucrativa da trama Gürtel. 

Ana Mato
photo_camera [Imaxe Partido Popular]

A responsábel do Ministerio de Sanidade do goberno español emitiu esta cuarta feira un comunicado de imprensa co que anunciou a súa demisión. Trátase da primeira renuncia no executivo de Mariano Rajoy relacionada coa corrupción. Mato foi sinalada no decorrer da investigación xudicial que instrúe Pablo Ruz, como beneficiaria lucrativa da trama Gürtel. 

A decisión de Mato oficialízase horas antes de que o presidente español, Mariano Rajoy, compareza no Parlamento para explicar o seu plan de rexeneración democrática

No comunicado de imprensa, Ana Mato di non estar imputada na investigación mais o xuíz Ruz sinálaa no seu último auto como "partícipe lucrativa" da Gürtel e chámaa a prestar declaración en sede xudicial. Segundo as investigacións do instrutor, a xa ex-ministra de Sanidade tería percibido por volta de 31.500 euros procedentes da trama de corrupción, que gastou en agasallos, viaxes, paiasos e festas destinadas ás súas crianzas. 

Mato atribúe a decisión á súa "situación familiar" e á vontade de non "prexudicar" o presidente Rajoy nen o Partido Popular. 

Comentarios