Prevese unha renda vital provisional mentres non haxa unha permanente

O Executivo estatal prevé pór en marcha un ingreso mínimo "ponte" provisional mentres non se aprobe unha renda mínima permanente. 
O vicepresidente segundo do Goberno estatal, Pablo Iglesias, no Congreso (Imaxe: Pool)
photo_camera O vicepresidente segundo do Goberno estatal, Pablo Iglesias, no Congreso (Imaxe: Pool)

O Executivo español expuxo esta quinta feira, 9 de arbil, a sindicatos e ONG a posta en marcha "de forma urxente" dunha renda mínima vital provisional que protexa as persoas máis vulnerábeis fronte a crise, e que denominou como "ingreso mínimo vital ponte", até que se poida articular unha renda permanente. Así o anunciou esta quinta feira nun comunicado a Vicepresidencia de Dereitos Sociais que encabeza o líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias.

Precisamente, Iglesias, xunto a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o de Seguridade Social, José Luis Escrivá, reuníronse  onte para tratar ese ingreso cos sindicatos CCOO, UXT e con organizacións como a Plataforma do Terceiro Sector, Cáritas, Cermi, Oxfam ou Facua.

O Executivo recoñeceu que, debido ás garantías técnicas e ao alto grao de consenso político, social e institucional que require o desenvolvemento do ingreso mínimo vital, este podería tardar en aprobarse até tres meses.

Por tal motivo, formulou a Vicepresidencia a necesidade de pór en marcha, con carácter urxente, un ingreso mínimo vital "ponte" que garanta que as persoas máis vulnerábeis conten con ingresos cos que poder afrontar esta crise canto antes.

En todo caso, asegurou o Goberno, que se mantén o seu compromiso de desenvolver un ingreso mínimo vital de carácter permanente."Todas as entidades asistentes, tanto sindicatos como organizacións do terceiro sector, amosaron  o seu total apoio a esta medida", asegura Vicepresidencia, que engade que Iglesias puido constatar mediante conversas telefónicas que grandes empresarios moi relevantes tamén ven adecuada e positiva esta medida e que está en contacto co presidente da CEOE. 

Comentarios