Junqueras, Forn e os Jordis vivirán a campaña entre reixas

O xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena discrimina entre os acusados e concede a liberdade condicional eludíbel con fianza de 100.000 euros a todos os consellers agás Joaquin Forn, titular de Interior. Oriol Junqueras -vicepresident-, Joaquin Forn -conseller de Interior- e os Jordis continuarán en prisión incondicional, tal e como demandaba a fiscalía.

Romeva, Mundó, Turull i Rull após saír da prisión de Estremera
photo_camera Romeva, Mundó, Turull e Rull após saír da prisión de Estremera

O argumento do xuíz do Supremo é que existe un risco de reiteración delictiva no caso dos catro dirixentes que mantén en prisión, perigo que non acha probábel nas persoas dos outros consellers.

Llarena, porén, non apreza risco de fuga en nengún dos encausados, aos que se lles imputa os delitos de rebelión, sedición e malversación de fondos públicos.

Que razonamento utiliza o xuíz para discriminar entre os acusados e para determinar a continuidade entre reixas dos presos políticos Junqueras, Forn, Sànchez e Cuixart? Basicamente o argumento é que os catro tiveron a ver co que cualifica de "asedio" da sede da consellaría de Economía, no centro de Barcelona, durante o 20 de setembro, cando miles de persoas terían obstaculizado a saída do edificio dos axentes da garda civil que estaban a realizar un rexisto.

O xuíz entende que existe risco de reiteración dese tipo de condutas especificamente nestas catro persoas, embora dúas delas -Junqueras e Forn- xa non dispoñan de competencias executivas -foron destituídas ao se activar o artigo 155- e as catro teñan declarado perante o Supremo a súa disposición a participar na campaña desde o pleno respeito á legalidade.

Ao tomar esta determinación, Llarena pasa por enriba do direito á participación política que asiste a Junqueras, Forn e Sànchez -non así Cuixart- por eles tres seren candidatos nas eleccións do 21-D.

Destarte, Oriol Junqueras convértese no primeiro candidato á presidencia dun goberno na historia do actual réxime político que vivirá a campaña en prisión.

Comentarios