A xuíza dita prisión incondicional para Junqueras e os 7 consellers

Oito presos políticos máis

A xuíza da Audiencia Nacional Carme Lamela aceita a petición da fiscalía e ordena prisión incondicional para o vicepresident e 7 consellers baixo os cargos de rebelión e sedición. A nómina de presos políticos ascende neste momento a 10, sendo que desde 16 de outubro están na cadea Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, líderes de ANC e Òmnium Cultural.

Junqueras
photo_camera Junqueras, á súa chegada á Audiencia Nacional

A xuíza Carme Lamela aceitou todas e cada unha das peticións da Fiscalía e, portanto, dita orde de prisión incondicional para o vicepresident Oriol Junqueras e os consellers Jordi Turull, Josep Rull, Raúl Romeva, Joaquim Forn, Carles Mundó, Dolors Bassa e Meritxell Borràs.

Para o conseller demisionario Santi Vila (PDdeCAT), quen abandonou o Govern en desacordo coa DUI, Lamela fai tamén caso ao Ministerio Público e decreta prisión eludíbel sob fianza de 50.000 euros. Vila entrará de todos xeitos en prisión e só poderá saír á rúa cando faga efectivo o pagamento.


Na argumentación da súa decisión, a xuíza fai alusión ao risco de fuga e alega que "algúns xa se teñen desprazado a outros países -en clara alusión a Puigdemont e outros 4 consellers- a eludiren as responsabilidades penais en que puidesen ter incorrido".

Na interlocutoría ditada pola xuíza [resolución xudicial previa á sentenza que en teoría non prexulga o contido desta], alégase tamén a hipótese da reiteración delictiva e o risco de destrución de probas para xustificar a prisión incondicional.

Orde de detención a Puigdemont e os 4 consellers

A respeito do president e os consellers que acompañan, a xuíza ditará unha Orde Europea de Detención e Entrega (OEDE) contra eles.

A OEDE é o procedimento que substiúe o da extradición entre os Estados membros da UE.

Non hai violencia

O xuízo ten un marcado carácter politico, sendo que os cargos que se imputan a Puigdemont e ao resto do Govern non se sosteñen de pé, como teñen sustentado un bon feixe de xuristas e até Diego López Garrido, o ponente da reforma do código penal de 1995 -en concreto do seu artigo 472, delito de rebelión-.

O artigo 472 é moi explícito ao acotar o delito de rebelión a quen se alce "violenta e publicamente" para conseguir determinados fins, entre eles o da declaración de independencia.

É evidente que na sesión do 27-O en que se produciu a DUI en ningún momento nen Puigdemont nen o resto de membros do seu gabinete utilizaron a violencia. Tampouco cabería a imputación por sedición porque non ten habido ningunha incitación aos tumultos para subverter a legalidade española, sendo que as mobilizacións independentistas se teñen conducido por vieiros absolutamente pacíficos.

Comentarios