Os presos políticos cataláns, en terceiro grado

A batalla xudicial contra a decisión está servida, pois ninguén dubida de que a Fiscalía vai presentar recurso contra esta resolución
Dirixentes nacionalistas procesados polo referendo do 1 de outubro. (Foto: EP).
photo_camera Dirixentes nacionalistas procesados polo referendo do 1 de outubro. (Foto: EP).

As xuntas de tratamento das prisións de Lledoners, Puig de les Basess e Wadras outorgaron terceiro grado carcerario aos presos políticos cataláns condenados polo Tribunal Supremo pola súa participación na organización do referendo de autodeterminación de 1 de outubro de 2017. A sentenza ditada polo alto tribunal español en 14 de outubro de 2019 impuxo penas de prisión de entre 9 e 13 anos de cadea polo delito de sedición a diversos dirixentes nacionalistas. 

O acordo coñecido onte, por boca do secretario de Medidas Penais, Reinserción e Atención á Vítima, Amand Calderó, chega uns anos despois de que prisións concedera o segundo grado aos presos políticos. A medida adóptase outra vez no marco dun duro debate, entre uns que a consideran demasiado prematura e outros que a entenden tardía. No fondo agocha un debate político sobre a lexitimidade da posición mantida polos dirixentes detidos.

Semiliberdade

A resolución deixa en réxime de semiliberdade Oriol Junqueras, Joaquim Forn, Jordi Turull, Josep Rull, Raül Romeva, Carme Forcadell, Dolors Bassa, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, a totalidade deles encarcerados desde outubro de 2017. Así, a partir de agora poden saír de prisión cada día e só teñen que volver para ir durmir, ampliándoselles os permisos de 36 a 46, sen ser obrigatorio ter cumprida unha cuarta parte da pena para poder facelos.

A decisión adoptada era agardada polos presos após térselles concedido a posibilidade de saír traballar en virtude do artigo 100.2, mais non vai ser de aplicación inmediata. A medida debe ser ratificada pola conselleira de Xustiza do Goberno catalán, que só modifica 5% das propostas de cambio de grado procedentes das xuntas de tratamento, nun prazo máximo de dous meses. A partir de aí, ponse en marcha a maquinaria xudicial que ten que ratificar ou desestimar a proposta do terceiro grado.

A batalla xudicial contra esta decisión está servida. Ninguén dubida de que a Fiscalía vai presentar recurso contra esta resolución na liña da oposición xa manifestada polo ministerio público á concesión dos permisos do 100.2. A este respecto danse por certas acción xudiciais diante do xuíz de vixilancia penitenciaria e mesmo diante do Tribunal Supremo, órgano que no seu momento condenou os dirixentes nacionalistas.

Comentarios