xoves 28.05.2020

O preso vasco Patxi Ruiz fai 10 días en folga de fame e sede

Actualmente cumpre condena na prisión Murcia II. Varios presos vascos iniciaron accións de solidariedade en diversos cárceres con Ruiz.

Concentración en Iruña en apoio a Patxi Ruiz (Europa Perss)
Concentración en Iruña en apoio a Patxi Ruiz (Europa Perss)

Patxi Ruiz fai 10 días en folga de fame e sede na prisión de Murcia II. O preso vasco iniciou esta folga en protesta polas ameazas de morte e represalias que afirma que se realizaron desde a dirección do centro penitenciario após as protestas na prisión pola situación que o coronavirus xera nos cárceres.

Ruiz perdeu máis de 10 quilos de peso desde o inicio da folga e sinte dores profundas nos riles, indican desde o movemento Amnistia ta Askatasuna (ATA), que denuncia que “por terceiro día consecutivo”, o médico non visitou o preso.

Nestes días, e en diferentes puntos de Euskal Herria, están a decorrer concentracións e mobilizacións de solidariedade para con este preso de Iruña. Tamén folgas de fame en solidariedade como as que están a decorrer en Gasteiz, Ondarroa ou a marxe esquerda da ría de Bilbao.

Diversos presos vascos iniciaron accións de apoio a Patxi Ruiz, segundo ATA. Así, presos como Mikel San Sebastián iniciaron unha folga de fame indefinida. Outros rexeitan as bandexas de comida que ofrece o cárcere ou realizan 'txapeos' (néganse a saír da cela).

EH Bildu anunciou a través dun comunicado que a súa deputada Bel Pozueta “realizará xestións” para poder visitar “de maneira urxente” a Patxi Ruiz. Ao tempo denuncia e critica a “política de excepción” que o Goberno español "aplica aos presos e presas vascas”.

Patxi Ruiz cumpre actualmente 30 anos de prisión aos que foi condenado cando, como militante de ETA, participou nun atentado mortal contra un concelleiro de UPN en 1998.

comentarios