O presidente luso reprende o Goberno mais non disolve aínda a Assembleia

A esquerda critica a inacción do Goberno de Costa, que tamén foi cuestionado polo presidente da República, que explicou os motivos polos que considera que Galamba ten que saír do Gabinete.
Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Marcelo Rebelo de Sousa. (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press / Contactophoto)

O presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, acabou na noite da quinta feira coas especulacións arredor da posíbel disolución da Assembleia da República após o choque institucional co Goberno de António Costa -que se negou a aceptar a dimisión de João Galamba, ministro de Infraestruturas-, e resolveu non usar os poderes que lle confire a Constitución destacando que “comigo non conten para criar conflitos” e que apostaba pola “estabilidade”.

Así e todo, advertiu que “a responsabilidade política e administrativa é esencial” para que a poboación confíe nas institucións, polo que censurou que Costa mantivera a Galamba no gabinete, sinalando como “pode un ministro non ser responsábel por un colaborador”.

Rebelo de Sousa laiouse de que a mellora económica non se reflicta na maioría da poboación e indicou que no futuro “terei que estar máis atento” para prever a deterioración da situación política no país.

A secuencia de eventos que levaron a esta situación foi moi criticada polo resto de forzas progresistas no Parlamento. Mariana Mortágua, do Bloco de Esquerda, cuestionou “a banalidade da mentira” do Goberno do Partido Socialista (PS) de Costa e a “neglixencia do poder absoluto”, que levou a formación a “trocar público por privado” ou “bloquear a fiscalización do Executivo polo Parlamento” luso, o que definiu como “o grande espectáculo da maioría absoluta”, que provoca a “corrosión da democracia”.

Á vez, a líder parlamentar do Partido Comunista Português, Paula Santos, arremeteu contra a “sucesión de casos lamentábeis que envolven membros do Goberno” mentres “medra a inestabilidade e a incerteza na vida das persoas, as desigualdades e as inxustizas”, despois de que o secretario xeral da formación, Paulo Raimundo, cuestionara a disolución da Assembleia por parte do presidente en 2021, incidindo en que tampouco agora “hai ningunha razón” para un adianto electoral.

Acusan Costa de forzar a inestabilidade

Pola súa parte, o conservador Partido Social Democrata (PSD), que lidera a oposición, achacou ao PS “o lamazal no que se converteu a política portuguesa”, un día despois de que o seu líder, Luís Montenegro, acusara a Costa de impulsar a confrontación co presidente para forzar un adianto electoral que evitaría ao primeiro ministro responder polos “casos de abuso de poder”, en alusión á comisión parlamentar de investigación sobre a compañía aérea pública TAP Air Portugal, cuxas revelacións están a comprometer a actuación do Goberno na súa xestión.

En todo caso, o deputado do PS Sérgio Sousa ratificou as palabras de Montenegro e responsabilizou a Costa de “precipitar” a crise política e as eleccións.

Comentarios