Após a demisión de Renzi

O presidente de Italia encárgalle a Gentiloni a formación do novo Goberno

O presidente italiano, Sergio Mattarella, vén de designar o ex ministro de Exteriores Paolo Gentiloni como primeiro ministro. Será el o encargado de formar o Goberno.

GENTILONI

Após a demisión de Matteo Renzi, logo de ser derrotado o pasado domingo, 4 de decembro nun referendo sobre a reforma da constitución, o presidente italiano, Sergio Mattarella decidiu encargarlle a Paolo Gentiloni, ex ministro de Exteriores, a formación nun novo Goberno.

Gentiloni, de 62 anos, aceptou o nomeamento e asegurou que, durante a lexislatura que dirixa, tratará de pór en marcha con brevidade unha nova lei electoral que permita convocar comicios. O encontro entre Mattarella e Gentiloni, que xa era un dos favoritos para ocupar o cargo de primeiro ministro, tivo lugar ás poucas horas de que concluíran as consultas para a formación dun novo Goberno.

O Partido Democrático (PD) fica, así, coa iniciativa, aínda que terá que buscar aliados para poder gobernar o país, cando menos durante uns meses. Na actualidade, mantén un pacto con representantes doutras formacións, entre elas, o Novo Centro Dereita (NCD).

Comentarios