O presidente do TC admite ser militante do PP e di que é legal

Pérez de los Cobos apela á Lei orgánica do Constitucional para defender a legalidade da súa afiliación ao PP. Pola súa banda o propio tribunal asegura nun comunicado que a lexislación "non fixa" incompatibilidades para os seus membros

O presidente do Tribunal Constitucional, Francisco Pérez de los Cobos, admite a súa militancia no Partido Popular cando se incorporou ao órgano xudicial e di que esta é legal de acordo coa lexislación que rexe o propio tribunal.

O TC di nun comunicado que a lexislación non estabelece incompatibilidades para os seus membros por pertencer ou ter militado nun partido político

Asemade, subliña que o artigo 159 da Constitución fixa de maneira literal a incompatibilidade entre a condición de maxistrado e o desenvolvemento de "funcións directivas" nunha formación política. 

Así, De los Cobos asegura que en 2011 era "militante de base" o que --a interpretación do presidente do TC-- non constitúe unha ilegalidade.

Pola súa banda, o propio TC remitiu un comunicado de imprensa no que di que "a Constitución e a Lei Orgánica" que rexe este tribunal "non fixa incompatibilidade algunha co feito de pertencer ou ter pertencido" a un partido político, asociación, fundacións ou colexios profesionais. Así as cousas, a Carta Magna di de maneira textual que os maxistrados do TC deberán ser "independentes". 

Pérez de los Cobos convocou de urxencia aos membros do pleno para explicar a información publicada esta quinta feira por El País. No entanto, asegura que na actualidade xa non é militante. 

Comentarios