O presidente da xestora do PSOE xustifica a abstención “porque non hai alternativa”

Fin do tabú. As cartas sobre a mesa. Era evidente que se forzaron a demisión do secretario xeral non era para manter o statu quo do non a Rajoy. Andalucía falou esta segunda feira e o presidente da xestora, Javier Fernández, pronunciou esta terza a palabra. Abstención.

Javier Fernández, xestora do PSOE.

O Comité Federal que moi probabelmente se convocará este próximo domingo formalizará o cambio de 180 graos na posición política do PSOE, que virará do “non é non” á abstención que viabilizará un novo mandato de Rajoy na Moncloa.

Esta terza feira, nunha cimeira da xestora cos grupos parlamentares do Congreso e do Senado, Javier Fernández xa foi absolutamente explicito. “Hai unha disxuntiva, unha elección: abstención ou terceiras eleccións” e a seguir esclareceuno aínda máis: “A abstención só é posíbel en democracia cando non hai ningunha alternativa”.

Isto significa unha profunda mudanza da posición inicial do Comité Federal do PSOE en que implicitamente, ao se rexeitar o apoio a Rajoy e as terceiras eleccións, se mandataba ao secretario xeral a tentar a formación dun goberno alternativo.

A nova equipa de dirección do PSOE xustifica a ausencia de alternativa na negativa de Cs e Podemos a conformaren unha maioría conxunta. A opción dun goberno con Podemos e o apoio dos soberanistas catalás é virtualmente inconcebíbel para o grupo liderado por Susana Díaz, caracterizado polo seu extremo xacobinismo.

O asunto xa non é, pois, se abstención si ou non, senón abstención como. Aquí hai basicamente dúas opcións: facilitar a abstención técnica de 11 parlamentares -que mesmo poderían ausentarse o día da votación- ou ben tentar impor a disciplina de voto a todo o grupo parlamentar.

Esta mesma terza feira, Miquel Iceta, reeleito primeiro secretario do PSC, reiterou que os 7 escanos do PSC votarán non a Rajoy. O mesmo ocorrerá con parlamentares do PSE, como Odon Elorza, e a grande incógnita está en saber que fará Pedro Sánchez. Unha das súas máis leais colaboradoras, a secretaria xeral de Madrid Sara Hernández, afirma nunha entrevista en ElDiario.Es que o ex máximo dirixente do partido votará contra Rajoy.

Comentarios