martes 14.07.2020

Presidenciais nos EUA: Á procura do voto de Deus

En 2016, o voto cristián conservador foi, inesperadamente, decisivo para Trump chegar á Casa Branca. O medo a unha Administración de Hillary Clinton máis favorábel a estender os dereitos da comunidade gay ou a lexislar a prol do aborto acabou mobilizando este electorado onde, en 2020, Biden podería pescar algúns peixes.

Donald Trump, o 1 de xuño fronte á igrexa de Saint John, en Washington (Shealah Craighead / dpa)
Donald Trump, o 1 de xuño fronte á igrexa de Saint John, en Washington (Shealah Craighead / dpa)

"Raramente vai á igrexa, manifestou que nunca buscara perdón polos seus pecados e no seu discurso de aceptación non mencionou a Deus". Nunha análise publicada por The New York Times poucos días despois da vitoria electoral de Donald Trump sobre Hillary Clinton, nas eleccións presidenciais estadounidenses de novembro de 2016, apuntábase á relixión como "a peza que falta para comprender" o triunfo deste, malia ser un tema "case invisíbel durante a campaña presidencial". Laurie Goodstein, correspondente do rotativo para asuntos relixiosos asinaba a peza. 

Foron diversos os factores que levaron o magnate neoiorquino á Casa Branca, mais a posteriori constatouse o papel decisivo deste grupo no proceso electoral. Tanto que na carreira electoral deste ano non está a pasar tan desapercibido ─para o Partido Demócrata─ e, segundo os analistas, pode acabar sendo decisivo para decantar o resultado final.

Segundo sinalara naquela altura Michael Wear, conselleiro político do ex presidente Barack Obama para cuestións de fe, Clinton fracasou á hora de conectar cos evanxelistas e católicos brancos, que se sentiron "apartados" por ela. "Trump entendeu iso e apelou a eles en termos completamente maquiavélicos".

Así, ao tempo que abrollaban audios que mostraban un Trump misóxino e acusacións que o implicaban en casos de acoso a mulleres, este mantiña continuas reunións cos líderes relixiosos e participaba asiduamente en programas da Christian Broadcasting Network, do famoso e multimillonario telepredicador evanxélico Pat Robertson. 

As propostas xenófobas como expulsar todos os musulmáns do país ou afirmar que México enviaba "drogas e violadores" a través da fronteira tampouco disuadiron a dereita cristiá de votar por Trump, que chegou a dicir: "Teño a xente máis leal, algunha vez vistes tal? Podería poñerme no medio da Quinta Avenida e disparar á xente e non perdería votantes".

Para esta dereita cristiá puido máis a fobia a Hillary Clinton que a falla de filia cara a un Trump casado en terceiras nupcias. Tal e como sinalaba recentemente en Nós Diario o politólogo estadounidense Jared D. Larson, "aínda que Clinton era a persoa máis preparada entre as filas de ambos os partidos, case a metade do país ódiaa desde a década de 1990".

"Estaban dispostos a perdoar as transgresións persoais de Trump porque avivou os seus medos a que unha Administración de Hillary Clinton lles arrebataría as liberdades relixiosas, usaría o diñeiro dos seus impostos para financiar abortos na última etapa da xestación [...] e estendería os dereitos da comunidade gay e transxénero", apuntaba Goodstein citando analistas políticos.

"Ansiedade crecente"

Unha análise electoral de 2016 elaborada polo centro de investigacións Pew Research Center confirma que, en comparación cos comicios gañados por Obama en 2012, Clinton non só non roubou votantes cristiáns a Trump senón que os perdeu entre todas as crenzas agás entre mormóns e xudeus (Clinton ─e o Partido Demócrata─ mantén unha estreita relación con Israel, algo que Trump xa conseguiu compensar co seu Acordo do Século para Palestina).

Son sectores que nas eleccións presidenciais deste ano poderían ser proclives a votar por Joe Biden. Aínda que non maioritariamente, se as baixas foren considerábeis poderían servir para decantar a cor dalgúns Estados e, consecuentemente, o resultado final a nivel federal. 

Explícao o xornal especializado estadounidense Politico, que asegura que "hai unha ansiedade crecente na órbita de Trump pola habilidade do ex vicepresidente [Joe Biden] para arrebatar votantes cristián que apoiaron a Trump en 2016, incluíndo o 81% de evanxélicos brancos". A publicación basea esta información en oito fontes da Casa Branca e do equipo de campaña do actual presidente.

Biden, católico e con grande apoio do electorado negro, ten agora mellor valoración nas enquisas entre os evanxelistas brancos e outros grupos relixiosos da que tiña Clinton en 2016. Vicepresidente durante os oito anos de Obama, está a seguir a estratexia deste, que no camiño cara á Casa Branca, en 2008, foi especialmente activo entre a comunidade relixiosa, á que prometeu un maior papel público á hora de loitar contra a pobreza e ofrecer servizos sociais, ademais de manter un discurso ambiguo a respecto do aborto.

Golpeado pola pandemia e polas protestas raciais ─sinala Politico─, Trump precisa manter esa base de 81% de votantes evanxélicos brancos para optar a reelección. Polo tanto, calquera peixe que pesque Biden entre os cristiáns conservadores pode ser decisivo. Neste sentido enmárcanse xestos como o realizado polo presidente a comezos deste mes, cando ordenou dispersar a multitude que protestaba pola morte de George Floyd fronte á Casa Branca e así, con motivo da Pascua de Pentecost, e poder visitar a igrexa de Saint John. 

Trump abandonou a residencia oficial e atravesou a praza Lafayette camiñando lentamente. Xa fronte a coñecida igrexa da capital posou cunha biblia na man.

comentarios