Presentan unha nova moción de censura en Francia pola reforma das pensións

O partido de Macron veta o debate no Parlamento dunha iniciativa para anular a reforma das pensións aprobada polo presidente.
Yaël Braun-Pivet e Baerbel Bas, presidentas dos lexislativos de Francia e Alemaña. (Foto: Britta Pedersen / DPA)
photo_camera Yaël Braun-Pivet e Baerbel Bas, presidentas dos lexislativos de Francia e Alemaña. (Foto: Britta Pedersen / DPA)

Yaël Braun-Pivet, presidenta da Asemblea Nacional de Francia por parte de Renacemento, a formación do presidente Emmanuel Macron, ratificou a cuarta feira que bloqueará o proxecto lexislativo da forza centrista LIOT para anular a reforma das pensións, cuxa aprobación forzou o mandatario sen o voto do Parlamento, e que estaba previsto debater e votar a quinta feira, dous días despois de que case un millón de persoas segundo os sindicatos saíra á rúa a protestar contra a reforma, que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación, na 14ª xornada de mobilización xeral impulsada polas forzas sindicais, un movemento que se estendeu os últimos seis meses.

A proposta de LIOT, que apoiaban as forzas progresistas, foi vetada por Braun-Pivet por medio dun recurso constitucional que lle permite acabar coas propostas que considere aumentan o gasto público sen fixar como compensar ese gasto por outra vía.

“Pase o que pase, mañá [por hoxe] non haberá unha derrogación da reforma das pensións”, insistiu a presidenta do lexislativo, reiterando que “aplico as regras e nada máis que as regras”, tras recibir presións de Macron para acabar coa tramitación parlamentaria após prometer que non a vetaría, reportou a prensa local.

Moción de censura

Pouco despois do anuncio, Mathilde Panot, presidenta do grupo parlamentario da Francia Insubmisa, partido que lidera a Nova Unión Popular Ecolóxica e Social, anunciou a presentación dunha moción de censura contra o Goberno que encabeza a primeira ministra Élisabeth Borne.

O bloqueo supón “un novo nivel nas prácticas antidemocráticas do macronismo”, destacou Panot, engadindo que crea “un precedente extremadamente perigoso para a democracia”, aliás, cuestionou que Braun-Pivet poida continuar no seu posto debido a que “debe ser garante da separación de poderes” mais “decidiu obedecer as ordes do Goberno”.

Autoritarismo de Macron

Durante as manifestacións da terza feira, as forzas sindicais que desenvolveron o movemento contra a reforma das pensións alertaron do comportamento "autoritario" do presidente, e fixeron fincapé en que o bloqueo da considerada a última vía parlamentaria para acabar coa reforma das pensións incrementaría a "ira" da poboación, polo que non se descartan novas mobilizacións a pesar da paulatina redución da participación nas protestas unha vez que a reforma foi sancionada e que o Consello Constitucional se negou a validar por dúas veces un referendo para que a poboación tivese a última palabra.

Comentarios