Presencialidade e máscara a partir dos 6 anos no curso escolar 2021-2022

A Conferencia Sectorial de Educación, na que participou a ministra de Educación e FP xunto coas titulares das Consellarías de ensino, ratifica as medidas pactadas en maio e abre a porta a flexibilizar as restricións a medida que mellore a situación sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19.
A ministra de Educación, Pilar Alegría (no centro da imaxe), onte na Conferencia de ensino. (Foto: David Obach / Europa Press)
photo_camera A ministra de Educación, Pilar Alegría (no centro da imaxe), onte na Conferencia de ensino. (Foto: David Obach / Europa Press)

Acordo entre o Goberno do Estado e os territorios na Conferencia Sectorial de Educación para manter as medidas pactadas en maio no sector do ensino, con “máxima presencialidade en todas as etapas e niveis”, reiterou a ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría.

Amais do carácter presencial da formación, que para a ministra é unha “ferramenta absolutamente necesaria para mellorar a equidade na contorna educativa”, ratifícase o uso da máscara a partir dos seis anos e a posibilidade de reducir de 1,5 metros a 1,2 metros a distancia interpersoal entre estudantes no caso de que a incidencia epidemiolóxica da Covid-19 sexa baixa.

Tamén foron aprobados os grupos de convivencia estábel (chamado grupos burbulla), acompañados dunha batería de medidas sanitarias (ventilación, limpeza e desinfección das instalacións).

Esta é a situación de comezo, se a situación sanitaria vai mellorando, iremos flexibilizando medidas porque así o determinarán as autoridades sanitarias”, adiantou Alegría na rolda de prensa posterior á reunión, mais a “prudencia foi chave no éxito educativo e por iso seguiremos aludindo a ela”.

Neste sentido, salientou que a estratexia de vacinación é unha “ferramenta fundamental” para encetar con máis garantías o comezo do curso escolar, polo que expresou a súa satisfacción porque a meirande parte dos territorios estean vacinando os maiores de 12 anos -idade mínima para a cal están autorizados os compostos-.

Un 61,7% das persoas de 12 a 17 anos no Estado xa ten cando menos a primeira dose, mentres que o 16% ten a pauta completa. No que atinxe ao persoal docente, “practicamente” o 100% está vacinado, indicou.

Pola outra banda, a ministra agardou que os territorios sitúen o sector educativo coma “prioritario” no repartimento dos 13.458 millóns de euros que o Estado transferirá para facer fronte á Covid-19 no eido dos servizos sociais. Un 70% dese fondo será enviado en setembro e o 30% restante en novembro.

A Xunta pide valorar a vacinación para tomar as medidas sanitarias

No transcurso da Conferencia sectorial, tanto a Xunta da Galiza como a Comunidade de Madrid solicitaron que o ritmo de vacinación fose tido en conta, xunto coa incidencia acumulada de casos de Covid-19, para estabelecer as distintas medidas de restrición, para que estas poidan flexibilizarse paralelamente ao aumento da inoculación. A titular de Educación derivou esta cuestión o Ministerio de Sanidade, do mesmo xeito que a iniciativa para crear un rexistro de estudantes e docentes vacinados.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, fixo fincapé en que este será un ano lectivo de transición, e na intención da Xunta de reducir a distancia interpersoal a 1,2 metros, o que é denunciado por docentes, Anpas e sindicatos como un intento de recortar profesorado.

Comentarios