Rusia e Ucraína cruzan acusacións pola destrución dunha presa en Khersón que anegou a zona

Milleiros de persoas prepáranse para ser evacuadas no caso de que as riadas alcancen as súas vivendas mentres medra a tensión nun dos puntos quentes da guerra que libran as autoridades de Kíiv e Moscova nesta rexión.
A destrución dun encoro en Khérson provocou graves inundacións na rexión. (Foto: Goberno de Ucraína)
photo_camera A destrución dun encoro en Khérson provocou graves inundacións na rexión. (Foto: Goberno de Ucraína)

A cidade ucraína de Kajovka amenceu esta terza feira anegada após rebentar o encoro da súa central hidroeléctrica, situada a carón do río Dniéper, a uns 60 quilómetros de distancia de Khersón. Após transcender este incidente, que obrigou a evacuar as zonas "potencialmente inundábeis" da marxe dereita do río —os servizos de emerxencias iniciaron o operativo contra as 7.30 hora local [unha menos na Galiza]—, as autoridades de Kíiv e Moscova comezaron a cruzar acusacións.

"Rusia voou a presa da central hidroeléctrica de Kajovka. O propósito é obvio: crear obstáculos insalvábeis no camiño do avance das Forzas Armadas de Ucraína, interceptar a iniciativa da información e retardar o xusto final da guerra. É un dano colosal ao medio ambiente e supón a destrución de toda vida na zona", afirmou Mikhailo Podolyak, asesor do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski.

O propio mandatario, de feito, convocou para esta terza feira unha reunión de emerxencia do Consello de Seguridade Nacional. Desde a Presidencia de Ucraína non dubidaron tamén en cualificar o sucedido de "crime de guerra dos terroristas rusos", a quen o xefe do gabinete de Zelenski, Andrei Yermak, acusou de "privar de auga potábel ás persoas [residentes] no sur da rexión de Khersón e Crimea".

Na liña oposta, o alcalde de Nova Kajovka —baixo control ruso—, Vladimir Leóntiev, informou de "ataques nocturnos á central por parte das tropas ucraínas" que tiveron como consecuencia, asegurou, a "destrución das válvulas", polo que "a auga do encoro comezou a descarga incontrolábel río abaixo". "É un acto terrorista moi serio", dixo, e advertiu que agora estudarán "as consecuencias".

"A presa foi construída de tal forma que puidese resistir un ataque nuclear. Debido a que está moi reforzada con formigón, sobreviviu, mais as estruturas da superficie, as válvulas, quedaron destruídas. A auga e a terra saen sen control desde as 2 horas da madrugada", expuxo Leóntiev, en declaracións recollidas pola axencia Tass.

Segundo as estimacións das autoridades ucraínas, até 80 localidades da zona fican baixo risco de inundación. "O nivel de auga está a subir e todo o mundo na zona debe apagar os aparellos eléctricos, recoller a documentación esencial, coidar aos seus seres queridos e mascotas e seguir as instrucións da policía e os rescatadores", advertiron.

Por parte do Goberno de Khersón afín a Rusia, precisaron que son unhas 22.000 persoas as potencialmente afectadas polas riadas. "Se for preciso, estamos listos para evacuar os residentes das aldeas costeiras [do río Dniéper], temos preparados varios autobuses", apuntou Andréi Alekseenko, xefe do goberno rexional, quen tamén instou a poboación a "reunir á familia, preparar os documentos e estar lista para abandonar a zona" se aumenta o nivel de auga.

Comentarios