O Nobel da Paz de 2022 premia o "activismo civil" en Ucraína, Belarús e Rusia

Os galardoados son o belaruso Alés Bialiatski, a ONG rusa Memorial e o Centro para as Liberdades Civís ucraíno.
Berit Reiss-Andersen, presidenta do Comité do Nobel, esta sexta feira. (Foto: Heiko Junge / NTB)
photo_camera Berit Reiss-Andersen, presidenta do Comité do Nobel, esta sexta feira. (Foto: Heiko Junge / NTB)

O xurado do Premio Nobel da Paz acordou esta cuarta feira outorgar o galardón da presente edición ao "activismo civil" en Rusia, Belarús e Ucraína. Así, os premiados foron o escritor belaruso Alés Bialiatski, a ONG rusa Memorial e o Centro para as Liberdades Civís de Ucraína.

"Xuntos, demostran o significado da sociedade civil pola paz e a democracia", concluíu o comité responsábel, cuxos representantes negaron tamén que se trate dun galardón concedido "contra Putin", se ben "si condena a represión en Rusia".

Bialiatski, en prisión preventiva desde 2020 após cumprir cadea entre 2011 e 2014, é a cuarta persoa que recibe o Nobel da Paz estando no cárcere, após a birmana Aung San Suu Kyi, o chinés Liu Xiaobo e o alemán Carl von Ossietzky. En 1996 fundou a organización Viasna (Primavera, en galego) como "contrapeso ás tendencias ditatoriais do réxime de Aleksander Lukashenko.

No caso da Federación Rusa, o xurado puxo o foco na entidade Memorial, operativa desde 1987 da man de Andrei Sajarov e cuxo pulso co Kremlin levou á súa declaración en 2021 como "axente estranxeiro". "Os actores da sociedade civil en Rusia foron vítimas de ameazas, detencións, desaparicións e asasinatos durante moitos anos", sostén o comité nas súas conclusións.

Pola súa parte, o Centro para as Liberdades Civís ucraíno xurdiu en 2007 co obxectivo de "promover a democracia e a defensa dos dereitos humanos" no país, e nos últimos anos traballou para "identificar e documentar os presuntos crimes de guerra perpetrados por Rusia".

Para a edición deste ano presentáranse un total de 342 candidaturas, das cales 251 correspondían a persoas e as 92 restantes a organizacións.

O premio do pasado ano fora parar aos xornalistas Dmitri Murátov (ruso) e María Ressa (filipina), "polos seus esforzos para salvagardar a liberdade de expresión, condición previa para a democracia e a paz duradeira".

Comentarios