PP e PSOE pactan o mecanismo de arbitraxe do TTIP

Recollen no informe elaborado pola Comisión de Comercio Internacional os principais puntos do ISDS (tribunais de arbitraxe internacional) co que darán apoio ás negociacións da Comisión e a adminitración estadounidense.

STOP TTIP

A tramitación do Tratado de Libre Comercio (TTIP, nas súas siglas en inglés) entre a UE e os EUA continúa avanzando. Neste senso, na quinta feira (28 de maio) a Comisión de Comercio Internacional comunitaria deu luz verde ao informe sobre as negociacións que manteñen representantes da Unión e da administración estadounidense.  

O documento, deseñado polo socialista Bernd Lange, será votado o vindeiro 10 de xuño no pleno do Parlamento europeo e inclúe --após pactaren os grupos do PP e PSOE europeos-- os trazos xerais do mecanismo de arbitraxe do que se dotará o tratado, o ISDS. 

O acordo alcanzado entre populares e socialistas sorprendeu aos grupos dos Verdes e a Izquierda Unitaria europea --únicas forzas que se opuxeron na Comisión de Comercio Internacional-- ao mudar substancialmente a opinión que mantivera durante as negociacións o PSOE. E é que inicialmente se opuña á creación de tribunais de arbitraxe internacional. 

'Cando a inxustiza é negocio'

Desde Corporate Europe Observatory veñen denunciando nos últimos meses as consecuencias da creación deste mecanismo, ISDS. Neste senso, publicaron un documento intitulado Cando a inxustiza é negocio, no que describen o funcionamento deste tipo de tribunais e as consecuencias que carrexan para os Estados. 

Aliás, alertan da "industria da arbitraxe" que se crea arredor destes órgaos. "Os árbitros internacionais", sinalan, "en troca de actuar como intermediarios xustos e neutrais teñen un enorme interese en salvagardar un réxime de investimentos que prioriza os dereitos dos inversores en detrimento das decisións dos gobernos". 

Cumpre lembrar que estes mecanismos se activan cando unha empresa transnacional denuncia un goberno ao considerar que determinadas mudanzas nas políticas de estado lle prexudican afectándolle ás súas ganancias. 

Comentarios